Patrocinio AmfivO Club Deportivo Amfiv, cuxo primeiro equipo xoga na División de Honra do baloncesto en cadeira de rodas, terá o apoio da firma Iberconsa ata xuño de 2020.
 
O presidente do club, José Antonio Beiro, anunciou este patrocinio nun acto ao que asistiron directivos da firma, o alcalde da cidade, Abel Caballero, e o concelleiro de Deportes, Manel Fernández.
 
Caballero eloxiou á entidade deportiva e tamén a entrada da empresa neste proxecto de deporte e integración. "Separados sodes extraordinarios; xuntos, inmellorables", resumiu o rexedor, que confirmou que "é a constatación de que unha gran empresa como Iberconsa ademais dun gran proxecto empresarial teñen un moi importante proxecto social e unha moi importante dimensión de cidade e de solidariedade. Hai que destacar que sexades quen de combinar esforzos para facer un proxecto deportivo e de integración dentro da cidade", sostivo.
 
"Vigo é unha cidade extraordinaria, magnífica, pero con pouca cultura de patrocinio. Por iso quero recoñecer o que está facendo Iberconsa. Grazas ao voso apoio facedes viable un proxecto tan importante como o do Amfiv, que todos queremos tanto", explicou Caballero.
 
O Amfiv é o primeiro club do programa Siareiros de VIDE por división (é o único que está na máxima categoría, a División de Honra).