Liga Linco web

O concelleiro de Deportes e presidente da Fundación VIDE, Manel Fernández, presentou este xoves unha nova edición da Liga Linco de baloncesto, que patrocina o Concello e que organiza o Baloncesto Seis do Nadal.
 
Dende mañá e cada venres (de 16:00 a 18:00 horas) ata o derradeiro venres de maio o pavillón polideportivo de Navia recibirá a 150 nenos e nenas de tres escolas deportivas do programa municipal (as de Navia, Balaídos e O Berbés) e seis colexios (os CEP Celso Emilio Ferreiro e Doctor Fleming, e dos CEIP Seis do Nadal, Illas Cíes, Javier Sensat e Pintor Laxeiro). 
 
"O programa municipal de escolas deportivas fomenta a disputa de competicións de base, sen vencedores nin vencidos, para que os nenos complementen os adestramentos da semana coa competición, e esta liga que patrocinamos é o mellor exemplo", explicou o edil de Deportes.
 
O Concello inviste este ano 300.000 euros no programa municipal de escolas deportivas e a Liga Interna de Colexios (Linco) é un dos seus valores. Ademais, o evento contempla a Liga Linco XL, para nenos de 13 a 16 anos, que xogarán en Balaídos cada dous venres tamén ata maio.
 
Na estrutura do programa municipal de escolas deportivas hai tres ligas que aportan un plus competitivo non federado ás horas de escola. A de fútbol 7 (Samil), que move a uns 600 nenos/as, a de baloncesto (150) e a de minibalonmán (70).
 
Na presentación, o concelleiro estivo acompañado pola presidenta do CB Seis do Nadal, Conchi Martins, os directivos Ramón Román, Chuca García e Miguel Pena, o director deportivo da entidade, Sergio González, dous adestradores de base, Sabela e Diego, e dous xogadores do equipo de Liga EBA, Óscar García, formado na Liga Linco, e Pablo González.