Cabecera Vide

O Celta Bosco xa é o equipo con máis títulos de Copa Galicia de baloncesto

celtacampO Celta converteuse o sábado no pavillón ferrolán de Esteiro no equipo que máis títulos de Copa Galicia suma na historia da competición, tanto a nivel masculino como feminino, ao superar os once conquistados polo histórico Breogán lucense.

O decimosegundo trofeo chegou ao vencer por 68-69 ao equipo anfitrión, Universitario de Ferrol. En semifinais, o Codigalco Carmelitas ourensán perdeu ante as viguesas por 76-51.

Mérito para o Celta Bosco (na imaxe, co trofeo acadado), superior ao do “Breo”, xa que a Copa Galicia feminina comezou para os clubs de máxima categoría en 1996, dez anos despois de que a competición masculina botase a rodar (1986). O Breogán acumula once campionatos autonómicos, sete conquistados neste século, e o Celta suma xa unha ducia, oito no que vai de século XXI. Para Carlos Colinas, novo técnico celeste, é este o segundo título galego da súa carreira, xa que logrou a vitoria en Santiago en 2004 a costa do Celta cando dirixía ao Extrugasa arousán.

As viguesas gañaron en Ferrol cunha tripla da súa capitá, Sara Gómez, revivindo de forma similar no mesmo escenario a Copa Galicia de 2003, cando unha canastra dende media pista de Noemí Jordana deixou ao Ensino lucense como subcampión (58-55).

pdf Final Copa Galicia 2011 (72.85 kB)

pdf Traxectoria celeste na Copa Galicia (185.29 kB)