Cabecera Vide

Mala xornada para o deporte feminino vigués de elite en hóckey a patíns, voleibol e baloncesto

vigostick4Mal fin de semana para o deporte de elite vigués. Só El Olivo Caixanova, líder do seu grupo e candidato ao ascenso á máxima categoría do fútbol estatal, soubo gañar. Perderon Vigo Stick (hóckey a patíns), Celta Indepo (baloncesto) e Turismo de Vigo (voleibol).

O Celta Indepo sumou a súa terceira derrota consecutiva na Liga Feminina de baloncesto, na que xa perde o dobre do que gaña, e caeu no derbi provincial en Vilagarcía (66-54). O Celta non era equipo perdedor dun choque oficial contra Extrugasa en liga regular dende o 13 de xaneiro de 2007 (87-57), campaña na que rozou o descenso. En outubro pasado, na final da Copa Galicia en Ferrol, o conxunto celeste que dirixe Miguel Méndez xa cedeu o cetro autonómico ao cadro que adestra Tito Díaz (82-78).

O Vigo Stick, pola súa banda, sumou unha dobre derrota no seu desprazamento a Cataluña e continúa como pechacancelas da OK Liga de hóckey a patíns. As de "Tomba" perderon 10-3 en Vilanova o sábado e 5-0 o domingo en Noia.

En voleibol, na terceira categoría estatal, o Turismo de Vigo perdeu outra vez en casa (2-3 contra o cvleganes.com) e complícase moito na categoría, onde ata agora as de Celso Veloso só gañaron un partido.

Dentro do negativo panorama xeral, El Olivo Caixanova saíu triunfante e confirmou o seu bo momento a costa do Pontevedra en Primeira Nacional. Ao descanso vencía na cancha granate por 0-1 e ao remate a vantaxe foi de 0-2, polo que se mantén como firme líder do campionato no seu grupo 2.