Cabecera Vide

Diploma olímpico para a bolseira VIDE Lara Lagoa, quinta en windsurf nos Xogos xuvenís de Singapura

technogirls_esp_sin_600Lara Lagoa case tocou o bronce nos Xogos Olímpicos da Mocidade, pero acabou quinta a regata polas medallas, a undécima e última da clase Techno 293 que se disputou ao mediodía de hoxe no Centro Nacional de Vela de Singapura, 6:00 horas en Galicia.

Unha mágoa e un orgullo. Lagoa (Vigo, 1994), na imaxe competindo coa participante de Singapura, confirmou na regata final que é muller de Top Mundial e, de paso, sacouse a espiña dunha discreta actuación no pasado Campionato do Mundo da clase techno 293 (windsurf) en Martigues. A proba decisiva cumpriu cos prognósticos de emoción.

A tailandesa Siripon Kaewduang, que simplemente tiña que chegar para ser ouro (esta regata non era descartable), evitou meterse entre as que competían polo resto de metais. A italiana Fanciulli, que saía como segunda pero empatada a puntos coa campioa mundial, a israelí Cohen, e coa arxentina Serigos, sóuboo aproveitar e dende o principio tomou o liderado, seguida pola arxentina e a participante de Hong Kong. Con esa premisa, Lagoa, do Náutico de Cangas, non tiña opcións de medalla, pero a regata acababa de empezar. E tanto. Siripon colocábase de primeira, con Italia e Singapura detrás. A tailandesa rodeaba a baliza en primeiro lugar, seguida pola táboa de Polonia, a de Israel, que parecía recuperarse, Bielorrusia, Arxentina e España.

Lara seguía vendo lonxe as medallas. A medalla de ouro tomaba dez metros de vantaxe sobre as demais, o vento aumentaba e, de súpeto, a marcaxe daba outro envorco ás posicións na flota: Lagoa era terceira con Fanciulli e Yong por diante. Así, e coa lea de postos que había por detrás, Lara era cuarta na xeneral e tiña a tiro o bronce. Con todo, a bielorrusa Valkevich, moi irregular toda a semana de competición (foron ela, Yong e Fanciulli as únicas que gañaran unha regata xunto con Siripon) metíase en metade da pelexa e a tailandesa tamén aparecía no grupo cabecero, baixando a galega á quinta posición.

Lara tentou superar á asiática para asegurar a cuarta praza pero non puido e acababa quinta na xeral final cos mesmos puntos que a campioa mundial, Naomi Cohen, que na regata decisiva afundiuse (terminou oitava). Facer máis segundos postos que Lagoa (tres por dous) deulle a cuarta posición final.

Lara Lagoa, que firmou uns Xogos Olímpicos moi regulares, o que sempre é moi difícil en vela, será diploma olímpico. No cómputo de regatas, sen o descarte permitido, era cuarta, o que indica a súa magnífica constancia e consistencia durante os oito días que durou a competición. Lagoa, bolseira por VIDE en 2009 e 2010, confirma que o seu percorrido na alta competición é óptimo.