Cabecera Vide

Lara Lagoa loitará por medalla na derradeira xornada das regatas de windsurf nos Xogos Olímpicos xuvenís

lagoa240810A windsurfista Lara Lagoa pelexará este mércores por medalla na categoría Techno 293 na primeira edición dos Xogos Olímpicos da Mocidade. Dúas fabulosas regatas á primeira hora desta mañá no Centro Nacional de Vela de Singapura catapultaron á viguesa a colocarse a só tres puntos da prata e o bronce.

Porque o embotellamento de aspirantes foi incrible nesta penúltima xornada. Disputadas dúas mangas con volubles condicións de vento, finalmente cancelouse polo comité de regatas o resto das previstas e mañá, ás 6:00 horas de Galicia (mediodía en Singapura), disputarase a regata pola medalla de ouro, como así se denomina á regata final, que non pode ser descartada das puntuacións finais.

Lagoa, do Náutico de Cangas (na imaxe de hoxe, do fotógrafo Imran Ahmad, publicada na web oficial dos Xogos), estivo a piques de ser segunda na primeira saída matinal, pero a italiana Verónica Fanciulli coouse entre a tailandesa Siripon Kaewduang, que será ouro, e ela. Se na primeira regata navegouse con seis nós cando minutos antes se medían ata doce, na segunda proba subiu o vento ata os 8 nós. As representantes de Tailandia, Singapura e Israel comezaron diante, pero un role do vento cambiou o panorama na flota e a viguesa, bolseira por VIDE por segundo ano consecutivo, colocouse líder seguida pola bielorrusa Valkevich. Con todo, Kaewduang soubo reaccionar e púxose por diante para sumar a súa quinta regata consecutiva como primeira clasificada; a taiwanesa fixo sete primeiros postos en dez regatas. Bestial.

O mellor para a regatista galega é que a súa segunda praza final foi gañada con gran diferenza: entre a súa táboa e as perseguidoras, a arxentina Valentina Serigos e a transalpina Fanciulli, era de 50 metros. Con estes resultados, Lara Lagoa recupera a sexta praza e, ademais, rebaixa de nove a tres puntos a súa distancia coa medalla de prata. Lagoa está a só tres puntos do subcampeonato, pero tamén do terceiro posto e do cuarto lugar, e a un punto da quinta praza.

Por detrás, a sétima clasificada, Valkevich, está moi afastada e ata agora só conseguiu, cando estivo por diante, sacarlle cinco postos de vantaxe.

Lagoa, a máis baixiña das dezaoito olímpicas (mide 1,55 metros, once centímetros menos que a líder tailandesa, que é catro días maior que ela), é tamén a que menos peso ten (48 quilos) xunto con, precisamente, a tailandesa. Por iso o pouco vento beneficiaría mañá a Lara, aínda que cabe lembrar que a israelí é a vixente campioa do mundo e a italiana foi bronce no Mundial de Martigues, hai poucas semanas. Lara leva unha regularidade admirable: cando os resultados non eran magníficos non baixou do oitavo posto, e nas cinco últimas cinco regatas fixo os terceiros mellores resultados da flota.