Cabecera Vide

A windsurfista Lara Lagoa perde unha praza na xeral dos Xogos Olímpicos da Mocidade a dúas xornadas do seu remate

technogirlsfleet_600Lara Lagoa baixou á sétima posición, empatada a puntos coa sexta, na clasificación xeral provisional da clase Techno 293 (windsurf) nos Xogos Olímpicos da Mocidade que se están a celebrar en Singapura.

A primeira viguesa olímpica en categoría xuvenil (na imaxe, segunda pola esquerda) disputou esta madrugada dúas regatas máis, a sétima e a oitava, sobre cinco previstas, obtendo un cuarto e un sétimo posto. A cuarta posición conseguiuna con ventos de 7-8 nós e unha dura pugna coas representantes de Arxentina, Hong Kong e Singapura nunha proba na que chegou a ir segunda.

Na última regata da xornada, con ventos de 15 nós, a bolseira de VIDE chegou a estar nunha situación comprometida (décima, cando o mar estaba máis esgotado e as ondas eran dun metro de altura), para remontar e pelexar polo sexto lugar con Audrey Yong (Singapura), pero á representante do Club Náutico de Cangas case se lle caeu a vela ao final e a súa rival non desaproveitou a oportunidade.

Logo, unha hora de descanso para volver á auga a continuación. Polo menos iso era o previsto, pero o vento amainou quizais polas nubes de tormenta que se aproximaron ao Centro Nacional de Vela e a organización aprazou as tres regatas seguintes para mañá martes. Ás seis da mañá, hora de Galicia (12:00 en Singapura), comezará a maratoniana competición, con seis regatas. Lagoa cazou á bielorrusa Valkevich pero perdeu tres puntos máis respecto da cuarta posición (e xa está a seis), en poder da arxentina Valentina Serigos, quinta e terceira esta mañá.

A española e a bielorrusa deixáronse adiantar por unha fantástica Fanciulli, que asinou un terceiro e un segundo posto. Por detrás, a distancia é case insalvable para as regatistas, co que Lagoa, que ademais está a amosarse moi regular, xogarase as súas opcións a mellora mañá.