Cabecera Vide

O equipo de taekwondo “combate” da Universidade de Vigo volve facer historia ao sumar o seu sétimo campionato de España

taekwondouvigojpgO equipo de taekwondo a Universidade de Vigo sumou a pasada fin de semana en Murcia o seu sétimo Campionato de España universitario. Tralos éxitos de 2006, 2007, 2008, 2011, 2012 e 2013, os e as estudantes da institución académica viguesa foron quen nas últimas horas de sumar 71 puntos e acadar dez medallas, que os situaron, tras dous anos de ausencia, no máis alto do podio, que completaron os equipos das universidades de Sevilla con 25 puntos e Granada con 23.

A decena de metais logrados en Murcia, súmanse ás máis de 70 medallas obtidas polo equipo de taekwondo da Universidade de Vigo ao longo dos últimos anos, un conxunto que como grupo é o máis laureado nesta modalidade deportiva. “Foi unha actuación impresionante do equipo”, asegura Salvador Fontán, adestrador do equipo vigués, xunto a Erea Andrade, que considera que a clave deste éxito “é a unidade dos e das súas integrantes, que ademais son grandes competidores”.

Alba Camaño, estudante de Fisioterapia, en minimosca -46 Kg; Beatriz Parada, estudante do programa de simultaneidade ADE-Dereito, en gallo -53; Raúl Cancelas, estudantes de Enxeñaría de Telecomunicación, en pluma-68; Iván García, estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, en superlixeiro– 80 e Pablo Fernández, estudante de Enxeñaría Mecánica en semipesado-87, foron os representantes da Universidade de Vigo que acadaron a medalla de ouro, en cadansúa categoría. As medallas de prata foron para Marta Colón, estudante de Fisioterapia en lixeira– 62 e David González, estudante de ADE, en semipesado-87, mentres que os bronces foron para Laura Lorenzo, estudante de Enfermaría, en mosca-49; Marcos Silva, alumno de Enxeñaría Industrial en minimosca-54 e Ángel Parada, estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte en pesado+87.

Compañeirismo, orgullo e pena

O equipo que esta fin de semanas se proclamou campión de España universitario, mestura a xuventude de novas incorporacións como Alba Camaño, Beatriz Parada e Iván García, que acadaron cadansúa medalla de ouro, coa experiencia do campión de España sub 21 Pablo Fernández, que tamén gañou unha medalla de ouro e Katia Calvar, campioa de España absoluta, que nesta ocasión non puido subir ao podio tras sufrir molestias no seu xeonllo dereito. Beatriz Parada, ouro en gallo -53 Kg, incide na “intensidade” da súa primeira experiencia co equipo da Universidade de Vigo, do que destaca o “compañeirismo”. Coa súa medalla de ouro no peto, esta estudante do programa de simultaneidade ADE-Dereito, non agocha as dificultades que entraña facer compatibles os estudos cos adestramentos, aínda que considera que resultados como o acadado no campionato de España compensan o esforzo que supón cursar unha titulación e practicar un deporte, no que comezou cando tiña sete anos.

Tan só cinco anos, tiña Iván García cando se iniciou na práctica do taekwondo. “Non se pode pedir máis”, asegura este estudante de Ciencias e Educación Física e do Deporte tras conseguir un ouro no seu debut co equipo da Universidade de Vigo, do que destaca “o bo ambiente”. O taekwondista tamén pon de manifesto a complicación que entraña adestrar e estudar e por iso agradece as facilidades que lles dá a Universidade para poder facer compatibles ambas actividades. A día de hoxe Iván García asegura que lle gustaría centrarse máis no deporte, “aínda que sen renunciar a ter unha titulación”.

Este campionato foi ademais o da despedida de Laura Lorenzo, en varias ocasións campioa de España universitaria e bronce mundial universitaria, ademais de medallista absoluta española, que dixo adeus sumando un novo metal, un bronce en mosca-49. “Dáme pena non poderme despedir cunha medalla de ouro, esperaba gañar, pero non puido ser”, asegura Laura, que di adeus tras seis anos de éxitos deportivos co equipo da Universidade de Vigo e que agora espera continuar nas filas da selección galega.

Os segredos do éxito: adestramento e sentimento de equipo
Máis aló do éxito acadado esta fin de semana en Murcia, Salvador Fontán e Erea Andrade, destacan o feito de que o equipo da Universidade de Vigo nunca baixou do podio dos campionatos de España universitarios desde o ano 2006. Esta bagaxe fai, segundo os adestradores, que os e as súas integrantes “se sintan favoritos e que os rivais os respecten cando se enfrontan a eles”. Pero, cal é o segredo do éxito deste equipo?.. “Non cho vou dicir, é un segredo”, asegura, rindo Fontán, que finalmente desvela que “o adestramento e o sentimento de equipo con a clave deste grupo desde hai anos”.