Cabecera Vide

Golpe de autoridade do Aldasa cun grande triunfo ante Valladolid

amfivvalladolidOs vigueses completaron un sensacional partido como equipo, mostrando o enorme potencial dun equipo na que saltaron dez xogadores a pista e todos eles achegaron o seu granito de area para superar nun intensísimo choque ao Fundación Grupo Norte (77-70) e confirmar que o mal inicio de tempada é xa historia.

Borrón e conta nova. O Aldasa Amfiv xa ten en positivo o seu balance de vitorias e derrotas (7-6) e inicia a segunda volta da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas co pé dereito. As derrotas iniciais ante Mideba Badajoz e Fundación Grupo Norte, que deixaron tocado ao conxunto vigués o comezo da tempada, están xa plenamente esquecidas e deixaron paso a senllos triunfos ante pacenses e pucelanos. Agora, ambos os dous atópanse a só un triunfo na táboa dos pupilos de Abraham Carrión e aínda teñen que verse as caras entre eles. Porque o Aldasa atravesa o seu mellor momento precisamente cando enfila a recta decisiva da tempada. Un mes de marzo durísimo no que visitará ao Fundosa Once, xogará a euroliga, recibirá ao Peraleda e disputará en Toledo la Copa del Rey. Por iso, a sufrida vitoria ante o Fundación Grupo Norte de Valladolid (77-70) cobra aínda máis valor. Era un final para seguir con opcións de pelexar polos primeiros postos e o Amfiv soubo dar a cara no momento máis necesario. E fíxoo, ademais, exhibindo a súa maior virtude, o grupo, un equipo no que os dez xogadores que saltaron á pista achegaron o seu granito de area para gañar -Leo Tahti non xogou ao recuperarse o propio sábado dunha enfermidade-, con mención especial para o partidazo de Lorenzo Envó (30 puntos e 13 rebotes para unha sensacional marca de 45 de valoración), así como para o pívot internacional mexicano Lalo (11 puntos e 10 rebotes) e para o base vigués internacional coa selección española Bernabé Costas (20 puntos e 7 asistencias).

Pero vencer un rival como Valladolid non foi nin moito menos doado. Un equipo que conta nas súas filas con Dan Highcock, Salvador Zavala e Tristan Knowles non é doado de vencer. Ademais, os nervios polo moito que había en xogo pasaron factura aos locais ao comezo do encontro, fallando claras oportunidades de anotar e permitindo que os pucelanos iniciasen o choque cun parcial ao seu favor de 0-8. De feito, a primeira canastra do Aldasa non chegou ata que xa transcorreran tres minutos e medio grazas a un contragolpe de David Mouriz. A situación non pintaba ben porque os vigueses seguían moi desacertados en ataque, Lorenzo Envó era castigado moi pronto coa súa segunda falta persoal e unha técnica sinalada a David Mouriz permitía ao Fundación Grupo Norte elevar a súa renda aos dez puntos (4-14, min.5). Non obstante, esta acción serviu para esporear o público, que non deixou de animar ao seu equipo en ningún momento, e para espertar definitivamente os xogadores de Abraham Carrión. Berni Costas asumiu o mando para iniciar a remontada (12-15, min.7) e Lorenzo Envó tomou o relevo para equilibrar de novo o partido á conclusión do primeiro parcial (19-19, min.10).

A boa defensa formulada polo técnico do Aldasa sobre Tristan Knowles empezaba a dar os seus froitos e o australiano, que ao descanso só anotara 6 puntos aínda que rematou o choque con 19, sufría para intentar axudar ao seu equipo que unicamente vivía dos puntos do internacional inglés Dan Highcock. Ademais, Carrión empezaba a mover o seu banco e os xogadores de refresco non só mantiñan o nivel senón que mesmo o melloraban. A entrada en pista de Lalo, Xullo Vilas e Santi Comesaña achegou un punto máis á defensa local e permitiu ao Amfiv poñerse por primeira vez por diante no marcador no minuto 14 (27-25). Malia todo e como esperaba, o encontro seguía igualadísimo, en parte porque os vigueses desperdiciaron con 36-33 no electrónico ata tres ataques consecutivos para abrir unha pequena brecha antes de irse ao descanso (39-35, min.20).

Na reanudación do partido, Tristan Knowles asumiu protagonismo para evitar que os locais rompesen o partido. Porque as canastra de Lalo (40-35) e o triplo de Envó (43-39) atopábanse rapidamente cos acertados lanzamentos do australiano (40-39, 43-31, min.24). E cando non era el o que anotaba, asistía con acerto a Zavala para que o fixese o mexicano. O partido entrara nun intercambio de canastras do que o Fundación Grupo Norte saíu máis beneficiado (50-51, min.29) posto que os vigueses relaxaron un pouco a súa intensidade defensiva. Non todo era boas noticias para os pucelanos, que recuperaban o mando no marcador (50-54) pero vían como a súa auténtica referencia, Knowes, cometía a súa cuarta falta persoal e tiña que empezar a medirse moito en defensa. Pronto empezou o Amfiv a aproveitar a importante circunstancia e tres puntos consecutivos de Lorenzo Envó deixaban todo no aire para os dez minutos decisivos (53-54, min.30).

As boas noticias continuaban para os locais ao iniciarse ao último período e cometer moi pronto tamén a súa cuarta falta persoal o mexicano Zavala. Ademais, un sensacional Envó lograba un novo triplo que devolvía o mando no electrónico a un Aldasa que xa non o volvería perder (58-56, min.32). As rotacións permitían aos locais afrontar esta decisiva rectar final do partido moito máis frescos que os pucelanos, que acusaban o cansazo e a limitación de non poder defender tope polas faltas persoais. Malia todo, cinco puntos consecutivos de Highcock equilibraban unha vez máis o marcador a só cinco minutos da conclusión (64-64, min.35). E, de novo, xurdiu Lorenzo cun triplo e Berni Costas cunha canastra e dous tiros libres para dar osíxeno aos vigueses (71-66, min.37).

Foi o momento no que os pupilos de Abraham Carrión confirmaron a súa recuperación, especialmente anímica, e demostraron, como xa fixeran a xornada anterior en Badajoz, que están capacitados para xestionar situacións complicadas e saír airosos. Porque unha serie de seis tiros libres consecutivos, dos que afortunadamente só aproveitaron tres, permitiu ao Fundación Grupo Norte meter o medo no corpo aos asistentes ao Pavillón de Bouzas (71-69, min.38). Pero unha excelente xogada de equipo culminada por Moncho Pombo iniciaba un parcial de 6-1 para selar a vitoria do Aldasa (77-70) e completar o borrón e conta nova.

FICHA TÉCNICA
ALDASA AMFIV: Berni Costas (20), David Mouriz (4), Moncho Pombo (2), Lorenzo Envó (30), Agustín Alejos (4) -cinco inicial-, Lalo (11), Xullo Vilas (3), Santi Comesaña (2), Vicky Alonso (1) e Najib Essahiri (-).
FUNDACIÓN GRUPO NORTE VALLADOLID: Dan Highcock (28), Jonatan Soria (2), Tristan Knowles (19), Knut Person (2), Salvador Zavala (17) -cinco inicial-, Chema Cabrero (2), Luis Herrero (-), José Luis Álvarez (-).
PARCIAIS: 19-19, 38-35 (descanso), 53-54 e 77-70 (final).
ÁRBITROS: A. Pinilla e J. González. Eliminaron por cinco faltas persoais o xogador do Fundación Grupo Norte Tristan Knowles (min.40).
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á décimo terceira xornada da División de Honra de Baloncesto en Cadeira de Rodas disputado no Pavillón de Bouzas. Preto de 500 espectadores.