Cabecera Vide

O Once Andalucía sofre para conservar en Vigo a súa imbatibilidade

aldasa-once2A grande defensa formulada polo Aldasa Amfiv puxo contra as cordas os sevillanos, que basearon a súa vitoria (55-67) nun inspirado terceiro cuarto no que apareceron para salvar ao seu equipo Alejandro Zarzuela e Diego de Paz, ata entón completamente anulados polos vigueses.

O Once Andalucía é o líder invicto, máximo anotador e equipo que menos puntos recibe da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas por méritos propios. Ata agora, todos os seus partidos, salvo o enfrontamento co outro grande candidato ao triunfo, o Fundosa Once, foran un auténtico paseo. Non obstante, este sábado os sevillanos demostraron no Pavillón de Bouzas que tamén saben sufrir. Porque o Aldasa Amfiv os obrigou a facelo para sumar a súa décima vitoria consecutiva. Os vigueses, que seguen crecendo no seu xogo co paso das xornadas, volveron mostrar un alto ton defensivo e, nesta ocasión, exhibiron tamén parte do seu potencial ofensivo, con lanzamentos interiores, canastras dentro da zona e rápidos e precisos contragolpes. Desta forma, o conxunto de Abraham Carrión confirmou, como xa apuntara ante o Fundosa Once, que a un partido pode tutear e gañar a calquera rival. Só un instante de vacilación no terceiro período, catro inoportunos minutos, privaron aos locais dun premio maior. Foi nese instante cando encaixaron un parcial de 2-13 para levar o marcador de 34-33 ao seu favor no minuto 23 ao 36-46 para o Once Andalucía do minuto 26. Os posteriores intentos por recortar a diferenza foron xa infrutuosos porque os sevillanos tiraron de oficio para aguantar o pulo do Aldasa.

O partido foi intenso en todo momento. A boa semana de traballo realizada polos pupilos de Carrión quedou patente dende o salto inicial. A actividade defensiva era máxima, impedindo que o Once Andalucía puidese atopar cómodo e despregar o seu xogo habitual. O primeiro obxectivo estaba cumprido posto que os visitantes, un equipo que anotaba unha media de 84,6 puntos por encontro, tiña que suar a fondo cada un dos que engadía á súa cuadrícula en Bouzas. Así, dous triplos consecutivos de Lorenzo Envó, un para pechar o primeiro cuarto (12-14, min.10) e outro para iniciar o segundo, confirmaban que o Amfiv ía plantar batalla.

A intensa defensa viguesa seguía dando os seus froitos, obrigando ao conxunto de Mateo Feriani a reducir o seu extenso potencial ofensivo a só a achega de Pollock e Lathan. Entre o base e o pívot sostiñan ao seu equipo, que encaixaba catro contraataques seguidos de David Mouriz para outorgar ao Aldasa as súas máximas vantaxes no choque (25-18, min.7 e 27-20, min.8). O tempo morto visitante freaba o vendaval e servía para que os sevillanos aclarasen as súas ideas e igualasen a contenda ao intermedio (29-29, mi.20).

O encontro parecía seguir polo mesmo camiño na reanudación. A defensa do Amfiv continuaba creando innumerables problemas ao Once Andalucía e as diferenzas eran mínimas. Pero manter o altísimo nivel de concentración necesario para frear un rival de tanta calidade é complicado. Os vigueses despistáronse só catro minutos. Un par de precipitacións en ataque e outras tantas malas defensas. Máis que suficiente para que os visitantes visen aparecer aos desaparecidos Alejandro Zarzuela e Diego de Paz e encarrilasen o triunfo cun parcial de 2-13. O marcador pasaba de 34-33 a favor dos locais tras un triplo de David Mouriz a 36-46 no minuto 27.

O colchón, escaso ante calquera outro rival, foi suficiente ante un adversario da envergadura do Once Andalucía aínda que os pupilos de Abraham Carrión non baixaron en ningún momento os brazos e seguiron pelexando para tratar de recortar a desvantaxe. Ao inicio dos dez minutos decisivos, o marcador seguía reflectindo a mesma distancia (42-52, min.30). Os riscos inevitables para buscar a remontada propiciaron que, por primeira vez no choque, os visitantes puidesen anotar con certa facilidade. De Paz converteuse en protagonista, asumindo o balón e controlando o ritmo do partido para facer inútil o intento de presión do Aldasa (48-63, min.37). Ademais, os nervios e a precipitación para intentar a machada propiciaban erros no lanzamento dos pupilos de Carrión que a complicaban aínda máis. Ao final non puido ser aínda que os vigueses suman outra derrota con sabor a vitoria (55-67)

FICHA TÉCNICA
ALDASA AMFIV: Berni Costas (12), David Mouriz (16), Moncho Pombo (-), Lorenzo Envó (15), Agustín Alejos (16) -cinco inicial-, Lalo (-).
ONCE ANDALUCÍA: Diego de Paz (16), Pollock (12), Sonia Ruiz (4), Bill Latham (19), Alejandro Zarzuela (12) -cinco inicial-, Pablo Zarzuela (2) e Israel Sánchez (2).
PARCIAIS: 12-14, 29-29 (descanso), 42-52 e 55-67 (final).
ÁRBITROS: J.L. De Agustín e J. Marqués. Eliminaron por cinco faltas persoais o xogador do Once Andalucía Pollock no minuto 28.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á décima xornada da División de Honra de Baloncesto en Cadeira de Rodas disputado no Pavillón de Bouzas. Preto de 300 espectadores.