Cabecera Vide

O Aldasa Amfiv volve hoxe aos adestramentos despois das vacacións de Nadal

vuelta1O conxunto vigués retomará esta noite no Pavillón de Bouzas a partir das 21.00 horas as sesións de traballo en grupo para preparar o compromiso do próximo sábado 16 de xaneiro en Zaragoza ante o CAI.

 

Dende que o pasado 19 de decembro o Aldasa Amfiv conseguiu unha meritoria vitoria en Canarias ante o Econy (56-59), o segundo triunfo consecutivo dos pupilos de Abraham Carrión e o primeiro da tempada a domicilio, pasaron tres longas semanas de parón na División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas. Unha interrupción da competición que chegou, precisamente, no peor momento posible para os vigueses que parecía coller á fin o pulso á campaña e empezaban a aplicar sobre a pista as ideas de xogo do seu novo técnico. Por iso, o parón non foi total xa que os xogadores vigueses seguiron exercitándose dúas veces por semana durante estes 21 días, ao igual que fixeron os seus compañeiros nas súas respectivas cidades de orixe.

Non obstante, a data oficial da volta ao traballo estaba marcada para hoxe, venres 8 de xaneiro, unha primeira toma de contacto xa con todos os xogadores no Pavillón de Bouzas antes de retomar a próxima semana o traballo con normalidade para preparar a visita ao CAI Zaragoza do próximo 16 de xaneiro, primeiro partido do novo ano para o Aldasa Amfiv. A cita, prevista para as 21.00 horas, contará xa coa presenza de todos os xogadores nacionais e do técnico, Abraham Carrión Ruiz, despois de gozar das súas vacacións de Nadal no seu Xerez natal. Igualmente, o pívot mexicano Eduardo Geovani "Lalo" atopa xa en Vigo para incorporarse á sesión e se non hai ningún inesperado problema de última hora cos voos, tamén chegará a tempo o base internacional marroquí Najib Esshairi, que ten previsto aterrar no aeroporto de Peinador ás 17.55 horas.

Deste modo, as únicas ausencias serán as dos lesionados Alberto Abalde e Borja Rey, que seguen cos seus respectivos procesos de recuperación e é posible que a próxima semana se reincorporen xa ao traballo co resto do grupo. Ademais, tamén faltará o finlandés Leo Pekka Tahti, que solicitou un permiso especial ao club para prolongar un pouco máis as súas vacacións de Nadal e regresar a Vigo o próximo martes 12 de xaneiro e así poder asistir o luns día 11 á Gala de Entrega de Premios aos Mellores Deportistas Finlandeses do 2009. Tahti está nomeado por segundo ano consecutivo na categoría absoluta, competindo con deportistas non minusválidos, e aspira a mellorar a sétima posición lograda nesta mesma categoría o pasado ano, coas dúas medallas de ouro en 100 e 200 metros e a de prata nos 400 metros conseguidas recentemente nos World Games celebrados en Bangalore (India).