Cabecera Vide

A cara boa do Aldasa imponse esta vez

Os vigueses, despois dun primeiro cuarto no que mostraron todos os seus defectos, ensinaron as súas virtudes nos outros tres períodos para lograr unha cómoda vitoria fronte ao Hercesa (73-49) recuperando sensacións e moral de cara ao encontro da próxima semana ante o Econy Gran Canaria, o último do ano 2009.

Despois dunha semana de parón, os pupilos de Abraham Carrión esperaban con ansiedade o seu encontro deste sábado ante o C.D. Hercesa. A priori, era a oportunidade ideal para esquecer a dolorosa derrota encaixada en Badalona fronte ao Gam Joventut e unha estupenda ocasión para sumar o segundo triunfo da tempada e empezar a arranxar antes da interrupción navideño o decepcionante comezo de campaña do Aldasa Amfiv. E os nervios a punto estiveron de xogarlles unha mala pasada aos vigueses, que mostraron a súa peor cara no primeiro cuarto (15-20). Afortunadamente, os locais empezaron a arranxar o estrago nos segundos dez minutos cun grande parcial de 21-3 (36-23 ao descanso) e mantiveron esa mesma tónica tras o intermedio para anotarse con claridade a vitoria (73-49).

O comezo do partido foi unha mostra perfecta do que lle acontece ao Aldasa esta tempada. Os vigueses, que se medían a un recén ascendido, exhibiron todos os defectos que acumulan neste inicio de campaña, provocando que calquera rival lles cree apuros. A precipitación, os numerosos balóns perdidos e a escasa intensidade defensiva, concedendo cómodas posicións de tiro aos madrileños, provocaron que o Hercesa sementase a incerteza na bancada do Pavillón de Bouzas (15-20, min.10)

Non obstante, a situación variou radicalmente a partir do segundo cuarto porque os vigueses mostraron as súas virtudes en dez bos minutos para deixar encarrilada a vitoria. E iso que a terceira falta persoal de Lorenzo Envó, que lle obrigaba a irse ao banco, parecía presaxiar problemas para os locais (22-22, min.14). Todo o contrario. A saída a pista de Vicky e de Najib, acompañados pola boa actuación do pívot mexicano Lalo, permitiu ao Aldasa completar un espectacular parcial de 21-3 para que o choque ao encontro quedase case sentenciado (36-23, min.20).

Despois do descanso, o conxunto de Abraham Carrión saíu disposto a seguir coa inercia e manter as boas sensacións adquiridas no segundo cuarto, cunha boa defensa presionante despois de canastra propia que continuaba creando moitos problemas ao Hercesa. Deste modo, a renda aumentaba co paso dos minutos, superando os vinte puntos ao finalizar o terceiro período (58-35).

Só un desastre absoluto podía provocar que o Aldasa deixase escapar a súa segunda vitoria da tempada. Non a houbo e, a pesar de que co partido xa roto os locais caeron nunha excesiva precipitación e concederon demasiadas facilidades en defensa para que os madrileños puidesen anotar, o Amfiv puido volver sorrir. O próximo sábado en Canarias ante o Econy os vigueses trataron de encadear o seu segundo triunfo consecutivo para afrontar o paro de Nadal coa moral xa plenamente recuperada.


FICHA TÉCNICA
ALDASA AMFIV: Bernabé Costas (12), Moncho Pombo (-), David Mouriz (-), Lorenzo Envó (11), Agustín Alejos (10) -cinco inicial-, Najib Essahiri (5), Xullo Vilas (4), Lalo (16), Vicky Alonso (10), Santi Comesaña (-) e Leo Tahti (4).
CD HERCESA: Igrexas (11), Henares (11), Boulafa (13), Rodríguez (11), Augado (-) -cinco inicial-, Kulboca (-), Núñez (-), García (-), Martín (2) e Guapo (1).
PARCIAIS: 15-20, 36-23 (descanso), 58-35 e 73-49 (final)
ÁRBITROS: Antón e González. Sen eliminados.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á sétima xornada da División de Honra de Baloncesto en Cadeira de Rodas disputado no Pavillón de Bouzas. Aproximadamente 200 espectadores.