O boleto número 33781, vendido polo club Patín Vagalume Celtamotor, resultou premiado este sábado no sorteo da promoción "Apoia ao deporte vigués", coa que Viaxes Zonda e a Fundación Vigo en Deporte acadaron 45.000 euros para os clubs de formación do programa Siareiros.
No descanso do partido de baloncesto entre o Iberconsa Amfiv e o Amivel, no polideportivo municipal do Berbés, e coa presencia do concelleiro de Deportes e vicepresidente de VIDE, Manel Fernández, e da directora de Viaxes Zonda, Alice Martínez, coñeceuse o número da rifa vencedora.
Despois da extracción do boleto, a man inocente sacou dous números máis como primeiro (16077) e segundo reserva (33778), respectivamente, por si non aparecese o posuidor do número agraciado. O primeiro reserva foi entregado polo San José de la Guía (baloncesto), mentres que o segundo reserva pertene ás rifas vendidas polo Vagalume.
O vencedor obtén, grazas a Viaxes Zonda, unha viaxe de dous días (19 e 20 de outubro deste ano) polo norte do país veciño (Aveiro, Porto e Braga) en hoteis de catro estrelas e con guía acompañante dentro do programa “Club Finde” de Viaxes Zonda, que é un dos patrocinadores de VIDE dende hai anos e cada tempada aporta unha viaxe para sortear. Manel Fernández agradeceu á axencia de viaxes a súa decidida colaboración con VIDE.
O Iberconsa Amfiv non puido gañar nesta vixésima e antepenúltima xornada da División de Honra do baloncesto en cadeira de rodas, xa que caiu por 56-74 diante do Amivel.