Concello de Vigo    

Cabeceira Vide

RabadánO mundo do fútbol vigués en particular e do deporte en xeral despediu este martes a Carlos Rabadán no tanatorio de Pereiró, dende onde os seus restos mortais foron levados ao cemiterio de San Miguel de Bouzas.

Clubs, xogadores, colectivo arbitral, Real Federación Galega de Fútbol, organizacións (Vigo en Xogo, VIDE) ou membros da propia Vigo Cup, torneo ao que tamén apoiou en numerosas edicións, acudiron a presentar os seus respectos e a despedirse dun árbitro tan entrañábel que o fútbol modesto comarcal lle tributou unha homenaxe na súa retirada, en 1983, algo moi pouco habitual.

Rabadán, que colaborou como voluntario nos programas da Fundación Vigo en Deporte (apoiando na organización de calquera tipo de acto, dende a entrega das bolsas VIDE a deportistas ata nos campus polideportivos), deixou unha fonda pegada tanto no deporte federado como no afeccionado ou no recreativo.

Rabadán, nacido a finais de xaneiro de 1936, segundo o Rexistro Civil, foi colaborador moi activo de VIDE dende o seu inicio hai vinte anos, pero antes tivo unha xigantesca traxectoria no fútbol como colexiado, que comezou aos 19 anos como auxiliar. A Federación Galega de Fútbol entregoulle a Medalla de Prata ao Mérito Futbolístico en novembro de 1982 e un ano despois recibía a Medalla ao Mérito do mesmo organismo pola súa retirada da arbitraxe en activo ao cumprir a idade regulamentada.

Naquela homenaxe do ano 83 participou Belarmino Alonso, "Milucho", un dos organizadores da Vigo Cup. Como anécdota cabe sinalar que foi quen de animar a Fernando Iglesias a iniciarse en 1974 na arbitraxe. Iglesias Figueroa é agora vicepresidente da RFGF. "No seu partido homenaxe Rabadán pitou o primeiro cuarto de hora e logo entrei a substituílo; foi moi emocionante", lembraba Iglesias. Rabadán González tamén foi colexiado de fútbol sala e da competición recreativa Vigo en Xogo, que organiza a Agrupación Deportiva Vigo.

O derradeiro recoñecemento púbrico a Rabadán produciuse en febreiro de 2020, na entrega dos Premios VIDE para o fútbol e o fútbol sala, no que se lle distinguiu por toda a súa traxectoria. Antes, no 2009, tamén foi mención especial da Gala do Deporte de Vigo e a súa Comarca.