Cabecera Vide

Vinte anos de patrocinio de Pilotes Posada ao Octavio

pedroposadaO Octavio celebra esta semana os vinte anos de patrocinio da empresa Pilotes Posada. O club académico presentou ao que é o seu patrocinador actual o 3 de febreiro de 1990, cando disputaba a fase de ascenso a Primeira Nacional A.

E dende aquel momento, a firma viguesa non fallou nin un día á entidade “rojilla”. De feito, só hai outros dous patrocinadores en toda España das tres grandes ligas profesionais masculinas (fútbol, baloncesto e balonmán) con tal fidelidade a un equipo e a un deporte: PSA Peugeot Citroën (Citroën empezou co Celta de baloncesto feminino no ano 1980 e no verán de 1985 estendeu o seu patrocinio ao fútbol) e Caja de Ronda (Unicaja dende 1991), que apoia ao equipo de baloncesto da cidade de Málaga dende 1977. Non deixa de ser relevante que Vigo conte con dous dos tres patrocinadores máis lonxevos do deporte profesional estatal.

A presentación de Pilotes Posada como patrocinador do Academia Octavio produciuse o sábado 3 de febreiro de 1990 na cafetería Marbella. Naquel momento, Liberto Rodríguez era o presidente do club vigués e Bernardo Posada, director xerente da firma de cimentacións. O acordo alcanzado, duns 2-3 millóns de pesetas, seguindo dixo a prensa da época, era ata final da tempada 89/90... aínda que xa dura vinte anos.

O primeiro encontro que os vigueses disputaron en Vigo coas novas camisolas xogaríase o domingo 11 de febreiro no pavillón do Berbés, saldado con derrota ante o líder Cuatro Caños de Torrelavega (24-29). Esa tempada na Primeira División B (a terceira categoría do momento) non houbo ascenso. Agora, Javier Rodríguez (presidente) continúa a gozar dun patrocinador sólido grazas a Pedro Posada, xerente da empresa. É esta xa a vixésimo primeira tempada que Pilotes é a marca principal da entidade de balonmán.

O Pilotes xoga mañá nas Travesas ante o CAI Aragón (21:00 horas) un encontro decisivo na súa pugna pola permanencia na máxima categoría.