Cabecera Vide

Concellería de Deportes e VIDE mellorarán o Circuíto Cidade de Vigo de carreiras populares cun maior investimento

reunion-carreiras-popularesO concelleiro de Deportes e presidente da Fundación Vigo en Deporte, Xabier Alonso, reuniuse onte na sede de VIDE con directivos da Federación Galega de Atletismo en Vigo, organizadores das probas populares e clubs para anunciar algúns cambios no Circuíto de Carreiras Populares Cidade de Vigo 2010.

No decurso da reunión, de pouco máis dunha hora e á que non faltou un só organizador de probas pedestres, o concelleiro nacionalista avanzou algunhas melloras no circuíto para a segunda edición, moi ben acollidas polos presentes, e tamén debateu algunhas ideas pedidas por clubs e organizadores con espírito construtivo.

“Tras un ano de experiencia o obxectivo é mellorar o Circuíto, pero sen meternos en cada organización particular”, dixo Alonso. Dende a organización insistiuse en que o obxectivo fundamental “é axudar a potenciar as carreiras populares e facilitar aos atletas a inscrición. Queremos pór todas as ferramentas ao alcance dos organizadores se algún non pode chegar a elas”, rematou o concelleiro.

O Concello prevé un investimento económico máis forte se cabe este ano para as melloras no circuíto. Ademais, o concelleiro pediu á Delegación Viguesa de Atletismo e aos organizadores de probas e clubs o máximo apoio para que o circuíto siga crecendo en participantes. As novidades coñeceranse mañá mércores, aínda que de novo sábese que a Fundación VIDE será unha das canles de información principais.