Cabecera Vide

Comeza a Vigo Cup co Celta disposto a bater a marca de títulos nunha mesma edición e El Olivo "asediado" en Damas

vigo_cup_2013_cartelA Vigo Cup xa está aquí, e con máis emoción e incógnitas que nunca. Cuns 2.600 participantes, dos que seis centenares chegan de Portugal e das comunidades autónomas de Madrid e Castilla-León, este ano o evento conta con todos os campións dos tres últimos veráns e 194 equipos para disputar máis de medio millar de partidos.

A Vigo Cup, que xogará dende hoxe luns ao 7 de xullo en nove campos do municipio e reserva a xornada final para o estadio municipal de Balaídos, pode romper marcas nesta edición número trece. Por vez primeira, o Real Club Celta rompeu rexistros de inscricións e preséntase con equipos en catro categorías (sub 10, sub 12, sub 14 e sub 16). A entidade de Balaídos, que leva dous anos consecutivos dominando en sub 10 e sub 12 (fútbol 7) e en sub 14 (fútbol 11) quere agora asaltar a división maior do evento (sub 16, fútbol 11), que dende 2008 ten un único gañador, o Areosa. Precisamente céltico e areosistas están empatados no palmarés con dez títulos cada un baixo os seus actuais nomes, aínda que a maiores nos anos 2004 e 2005 o Black Seven gañou en sub 12 e era un equipo formado por rapaces do Areosa.

Santa Mariña (sub 7 e sub 8), Real Club Celta (sub 10, sub 12 e sub 14), Areosa (sub 16) e El Olivo (Damas) pretenden defender o seu cetro. Non o terán nada doado. As categorías sub 7 e sub 8 son sempre unha bendita e emocionante incógnita. En sub 8, o torneo dise internacional ao presentarse o Cova da Piedade luso, o que dá un aliciente máis. A representación do país veciño apostou por entrar tamén en sub 10 e sub 12 (Cova da Piedade), pero onde se inscribiu con todo o arsenal é en sub 14, categoría que vai estar preñada de emoción cos tres clubs portugueses (Cova da Piedade, Vilanovense e GOE Lisboa), a Cultural Leonesa e o Real Salamanca Monterrey, ademais de Celta e Areosa. A Leonesa tamén pelexará en sub 10, sub 12 e sub 16, mentres que o Liceo Sport madrileño se presentou en sub 10 e sub 12.  Mentres os equipos de fóra de Galicia repiten por sentirse moi a gusto en Vigo, os conxuntos portugueses son debutantes (Cova da Piedade e Vilanovense) ou, caso do GOE, hai un tempo que non viñan (2011); o GOE xogou a final sub 12 perdéndoa ante a escuadra celeste na quenda de penaltis.

Outra incógnita a desvelar nesta competición que terá o seu centro de control e operacións no Municipal Pahiño de Navia, como nas dúas edicións pasadas, é se El Olivo aguantará o tirón e sumará o seu oitavo título consecutivo en Damas. Tras unha campaña cargada de partidos e concluída co triunfo na Copa Galicia e na Copa Vigo, o club manda á Vigo Cup ao seu equipo B reforzado por Viki e Lombi. Equipos de Vigo, Mos, Salceda, Salvaterra e Baiona intentarán tombar ás olívicas, con Sárdoma e Erizana talvez como principais rivais. Os campos de Sárdoma e A Guía serán escenario da fase clasificatoria.

A Vigo Cup, como en ocasións anteriores, centralizará no magnífico céspede de O Vao as competicións de sub 7 e sub 8. De luns a mércores xogará a fase de grupos, que dará os equipos que posteriormente batallarán na fase polo título ou na consolación. Ao tempo, tras cada partido disputarase a quenda de penaltis correspondente ao Torneo Warrior de penaltis, unha exitosa idea (é o seu sexto ano) que tamén funcionou no Torneo de Reis e que abre o abano de campións. O venres, en Samil, celebraranse as finais de penaltis.

A Vigo Cup xoga do 1 ao 7 de xullo próximo para categorías sub 7, sub 8, sub 10, sub 12, sub 14 e sub 16. Todas mixtas. Ademais, celébrase o torneo de Damas, aberto a calquera idade. Son campionatos de fútbol 7 salvo as divisións sub 14 e sub 16, de fútbol 11. O torneo xogará en nove campos do termo municipal (O Vao, A Pirucha, As Relfas, A Bouza, Baltasar Pujales, Samil, Municipal Pahiño, A Guía e Monte da Mina), coas finais en Balaídos. O sábado, en Navia, xogarán as finais de consolación (pola tarde) e as semifinais polo título sub 10, sub 12 e Damas (pola mañá), mentres que esa mesma xornada os campos de Comesaña e Bouzas darán billete para as finais de fútbol 11 (sub 14 e sub 16).