O Mosteiro podería despedir o 2015 no segundo posto da táboa

O Mosteiro Bembrive enfróntase a O Esteo F.S. de As Pontes mañá sábado, ás 18:30 h, no pavillón de Bembrive, na que será a décimo cuarta xornada do Grupo 1 de Segunda División B.

Chega o Nadal e o Mosteiro apura as súas opcións para despedir o ano o máis arriba posible na clasificación. Agora é cuarto con 24 puntos, pero se logra a vitoria esta fin de semana, e lle benefician os resultados dos equipos que o avantaxan, podería gozar do paro de Nadal nun confortable segundo posto.

Os vigueses deben, polo tanto, gañar o seu terceiro partido consecutivo e así cumprir o obxectivo a curto prazo que se marcaron cando hai tres xornadas trataban de poñer fin ao baixón que atravesaban.

O Esteo chega Vigo coa esperanza de non recibir a chuvia de goles que lle caeu a pasada tempada (9-1). Aínda así, esta campaña as cousas non parecen irlle moito mellor. Empezou a Liga con bo xogo e obtendo resultados positivos, pero a medida que avanza a competición foise desinchando e xa son catro as xornadas que leva sen sumar ningún punto.

Para este encontro Pitu poderá dispoñer de todos os seus xogadores, unha noticia moi esperada e case insólita, tendo en conta a praga de lesións que afectou grande parte do equipo e que mesmo deixou ao equipo en cadro a metade da tempada.