Chano Rodríguez inicia en Serra Nevada a súa carreira cara a Río 2016 tras nove conferencias nos colexios de Vigo

Colegio BreoganSebastián Rodríguez, "Chano", inicia hoxe o camiño a Río 2016. Os XV Xogos Paralímpicos, do 7 ao 18 de setembro do ano próximo, son tanto o seu obxectivo como o do seu adestrador, Alejandro Brea. "En Serra Nevada faremos e a pretempada. Espéranme tres semanas moi duras de traballo físico, de piscina, de control de glóbulos vermellos e estudios biomecánicos para mellorar o estilo...", explica Chano. O nadador paralímpico irase a Granada cargado de enerxías positivas: os vinte últimos días pasoullos recibindo o cariño incondicional dos alumnos de nove centros de ensino da cidade.

Os CEIP Coutada Beade, Virxe do Rocío, San Salvador de Teis e Canicouva, os CPR Breogán e Don Bosco Coia e os IES Ricardo Mella, Carlos Casares e Teis, nos que impartiu charlas a nenos de ata 16 anos. "Foi un programa de charlas grazas ao Concello. Os colexios han contactado comigo e acudín coa primeira medalla que conquistei en Sydney 2000 e a última de Londres 012". O Concello asinou este ano un convenio económico con Chano, e outros deportistas, para apoiar a súa carreira a Río.

Mediante un vídeo da Travesía a Nado que realizou entre Ons e o Náutico "funlles explicando cuestións como o propio colexio, o significado de traballar en equipo, o valor dos estudios ou o dunha alimentación sa" indica.

Chano recoñece iniciar a súa preparación paralímpica cargado de moral tras estas charlas. "Pedíronme selfies, asinei en camisetas, entregueilles adhesivos co lema "Sígueme a Río" que utilizan como marcador de páxina nos seus libros... Pero o máis emocionante aconteceume cando o outro día un neno se achegou a min e lle pediu permiso á profesora para darme un abrazo". Iso ou que no CEIP Canicouva os alumnos o recibiron cantándolle o "My way" ("Ao meu xeito") de Frank Sinatra, a motivadora canción que lle levou ao podio paralímpico en Sydney 2000, Atenas 2004, Beijing 2008 e Londres 2012. O éxito deste ciclo de visitas foi tal que "foi imposible satisfacer todas as peticións de centros", concluíu.

A súa prata nos Mundiais de Glasgow o pasado verán aseguroulle un ano de bolsa ADOP e a España unha praza, como mínimo, nos 50 libre. Agora necesita a mínima para Río, fixada en 33.69 (mínima A), a conseguir entre o 1 de xaneiro e o 12 de xuño de 2016. "A primeira proba será en Tenerife o 16 de xaneiro; alí estará tamén o campión paralímpico, Daniel Dias, e outros favoritos porque é unha competición open", sinala.

A lista oficial de España para Río coñecerase o 1 de xullo, aínda que o informe dos seleccionadores de natación ten que estar dispoñible para a comisión técnica antes do 15 de xuño. No hipotético caso de que Chano non alcanzase a mínima, a federación internacional (IPC) dispón de cinco prazas por convite por sexo.

As probas paralímpicas de natación terán lugar no parque olímpico de Barra, na mesma área da vila paralímpica. Chano, que en febreiro cumprirá 59 anos, nadará en Río a súa proba (50 metros), pero tamén en 100, 200 e algún relevo. O mixto de 4 x 50 debutará nuns Xogos por vez primeira.