A Copa Vigo de fútbol xa definiu a parte alta do cadro para cuartos co pase de Sampayo, Coya e San Esteban

copavijoA Copa Vigo 2010 xa completou a parte alta do cadro de cuartos de final. Sampayo, Club Deportivo Coya e San Esteban coáronse nos dominios do cabeza de serie número 2, o Alerta Traviesas, exento en oitavos de final.

Na primeira semana de competición xa se deu unha sorpresa: o Coya, que en 2011 será centenario e esta fin de semana pelexa polo título na Terceira Autonómica, tombou 2-1 ao Coruxo B, de 2ª Autonómica (goles de Diz e Raúl), e métese en cuartos contra outro Segunda, o San Esteban.

Os de Coia, tras caer eliminados na primeira rolda na Copa Vigo 2009, teñen agora a oportunidade de avanzar a semifinais, ás que por exemplo chegaron no ano 2008. O San Esteban, pola súa banda, xa gozou das "semis" en 2009, precisamente contra o Alerta, que o botou do torneo do K.O. por un espectacular 7-3. E o Sampayo chega a cuartos na súa segunda participación consecutiva no torneo.

A outra parte do calendario da Copa Vigo dará comezo a vindeira semana; de martes a xoves xogaranse as outras tres eliminatorias: Matamá-Nieto (día 11), Santa Mariña-Sárdoma (día 12) e Gran Peña B-C.D. Teis (día 13). Todos no Federativo de Coia ás 21:00 horas. Nesta parte do cadro vai o cabeza de serie número 1, o Rápido de Bouzas B, campión do torneo na pasada edición e, xa que logo, defensor do título.