Cabecera Vide

O Aldasa volve á competición liguera coa vista posta na quinta praza

O conxunto vigués retoma este sábado en Bouzas (18.30 horas) a División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas enfrontándose ao Econy Gran Canario despois de dúas semanas de parón pola disputa das fases finais das competicións europeas e tras o brillante subcampionato na Copa Willi Brinkmann conquistado polo Amfiv.

O Aldasa volve á realidade liguera. O subcampionato europeo conseguido hai quince días en Xenebra (Suíza) é xa pasado, parte da dificilmente igualable historia dun Amfiv que pode presumir de disputar tres finais continentais nos últimos seis anos. Agora, tras unha semana de parón para asimilar o conseguido, o conxunto de Abraham Carrión retorna á competición na que debe gañar o dereito a participar a próxima campaña, por sétimo ano consecutivo, en Europa. Porque os vigueses son sextos na táboa clasificatoria da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas a catro xornadas para a conclusión da campaña. Pero saben que se realizan un bo tramo final de competición neste mes de maio poden ascender ata a quinta praza e, mesmo se os outros resultados acompañan, optar á cuarta posición. Non obstante, todas as cábalas pasan por pechar a campaña co maior número de vitorias. O Aldasa conta ao seu favor coa vantaxe de afrontar tres dos catro partidos que restan na casa, no pavillón de Bouzas, co respaldo do seu incansable público. A primeira cita será este sábado ás 18.30 horas ante un envelenado Econy Gran Canaria.

Os insulares son, por tradición, un conxunto complicado, con xogadores veteranos que levan xuntos moito tempo e que xogan case de memoria. Ademais, chegan coa moral polas nubes tras facer a pasada semana un involuntario favor ao Aldasa ao vencer ao Mideba Badajoz no seu choque adiantado da última xornada liguera (74-70). "É un partido cun pouco de trampa. O Sandra parece que non se xoga nada. Está por detrás nosa na táboa e podemos caer no erro de afrontar o choque con certa relaxación. Iso non pode darse posto que esta vitoria nos interesa moito para facer o mellor final de tempada posible e apurar as nosas opcións de subir un chanzo máis na clasificación. Badajoz perdeu o seu partido adiantado da última xornada, precisamente, ante o Sandra, co que estamos un pouco máis preto", destaca o técnico do Amfiv, Abraham Carrión, quen considera que "será moi importante que sexamos capaces de concentrarnos e de dar a importancia que ten este partido. Nese sentido, durante esta semana de parón traballamos bastante ben".

Carrión sabe que este mes de maio será decisivo. "Estamos nun tramo complicado da liga porque queda menos dun mes para rematar, concretamente vinte días, nos que se remata a tempada. O corpo e a mente xa están un pouco cansos pero nós temos que manter o interese e a ilusión. Debemos manter a filosofía que levamos aplicando dende a pretempada e concienciarnos de que debemos traballar ata o final. Adestramos ben e se os resultados acompañan, colleremos moral para facelo mellor nos partidos que nos quedan", explica o adestrador do Aldasa, quen subliña que no choque deste sábado ante o Econy será fundamental "impoñer o noso ritmo porque é moi superior ao deles. Se xogamos un cinco para cinco lento, eles terán opcións. Se corremos e podemos desgastalos fisicamente, poderemos gañar".

A análise dos insulares é sinxela posto que o Sandra conserva o grupo das últimas campañas. "É un equipo moi veterano, que leva moitos anos co mesmo bloque e que basea o seu xogo ofensivo en tres xogadores: Yayo, que leva a bóla e segue sendo o cerebro do equipo e achegando os seus puntos dende fóra; Maqui, que é un xogador interior moi bo, cun bo tiro dende media distancia;  e Claudio, que detrás dunha pantalla fai moito dano aos seus rivais. O seu problema é que non ten moito fol nin banco. Pero se consegue xogar estático e impoñer se ritmo, é capaz de tutear a calquera. De feito, acaba de gañar a Badajoz. Pola contra, se ten que correr e sufrir para defender e atacar e se podemos castigar con faltas aos seus xogadores importantes, baixará de nivel cando teña que rotar", analiza Carrión, quen poderá dispoñer de todos os seus xogadores para este choque. "Todos están ben, exceptuando algunha sobrecarga ou molestia puntual que non impedirá a ninguén render ao cen por cento", puntualiza.