VIDE, Concello e Universidade pecharán co CSD a organización do Forum FISU o vindeiro día 3

reunion-forum-fisu-26.1.10-A directora xerente da Fundación Vigo en Deporte, Laura Magdalena, mantivo esta semana unha reunión de traballo con representantes do Concello de Vigo e da Universidade de Vigo na que se trataron diversos temas organizativos sobre o Forum FISU (21-26 de xuño) e os Mundiais universitarios de taekwondo (29 de xuño ao 4 de xullo), que virán a Vigo.

Na reunión, no Concello, confirmouse que VIDE levará, ademais da coordinación xeral, a área administrativa e de comunicación de ambos os eventos, dúas das citas estrela do ano do Bicentenario de Vigo. Ademais de tratar sobre os últimos pasos dados no que vai de ano, na reunión, á que tamén acudiu a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Carmen Cabeza, valorouse a posibilidade de que a UVigo lidere, entre outros, os programas de Voluntariado do Forum e os Mundiais e a organización de actividades paralelas no Forum FISU.

Ademais, todas as partes coñeceron que o mércores 3 de febreiro manterase unha reunión a catro bandas de Concello, Universidade de Vigo e VIDE con representantes do Consejo Superior de Deportes, en cuxo organigrama repousa o Comité Español de Deporte Universitario (CEDU). Aitor Canibe (CEDU) e Juan Manuel Hueli (Área de Promoción Deportiva del CSD) voarán a Vigo para reunirse no campus das Lagoas Marcosende coa organización local. “Nesa reunión deixaremos resoltas cuestións organizativas de importancia”, explica Laura Magdalena, entre as que figura o desprazamento (visados) de cidadáns e cidadás de máis de sesenta países de todo o planeta. A FISU xa foi informada deste encontro.