A Supercopa, nas Travesas os días 7 e 8 de xaneiro

supercopafutbolsalaA Supercopa de fútbol sala será o primeiro evento de importancia que viva Vigo no inicio do 2010. Os días 7 e 8 de xaneiro (xoves e venres), o pavillón central das Travesas recibirá aos mellores equipos do país para intentar adxudicarse un título que naceu en 1991 e que en Vigo cumprirá a súa edición número 17, pois nas tempadas 90/91, 96/97 e 99/00 non se disputou ao gañar un mesmo equipo a Liga e a Copa.

No parquet do IMD contenderán o campión de Liga (El Pozo Murcia), o de Copa (Inter Movistar), o Barcelona e o Xacobeo Lobelle santiagués. A entrada de Inter e El Pozo garante a presenza en semifinais dos campións das catro últimas edicións, pois o Inter adxudicouse os títulos das tempadas 2005/06, 07/08 e 08/09 (é o vixente campión) e os murcianos gañaron a edición do exercicio 06/07.

As entradas estarán á venda o mesmo día de apertura do torneo coa disputa das “semis” e tamén haberá un abono. A organización estuda se pór as entradas a disposición do público dende o luns 4. As Travesas ten unha capacidade para 3.300 espectadores sentados.

As semifinais do xoves serán O Pozo-Barça (18:00) e Inter-Xacobeo (21:00). A final, o venres 8 (21:00 horas).