As Travesas recibe este venres e sábado o Nacional de ximnasia acrobática, que Caballero define como "un deporte de beleza excepcional"

ximnasia_acrobaticaO Campionato de España de ximnasia acrobática recibirá nas Travesas hoxe e mañá a máis de 250 deportistas de oito clubs pertencentes a catro comunidades autónomas (Madrid, Andalucía, Valencia e Galicia), nun evento que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, definiu como "case inconcibible e imposible de imaxinar", polo que pediu que a cidadanía se envorque con "este deporte de beleza excepcional".

O rexidor presentou o torneo nacional na sala de prensa de Alcaldía, acompañado polo concelleiro de Deportes e presidente de VIDE, Manel Fernández, e membros do club organizador, o vigués Flic Flac.

Ás 16:00 horas de hoxe venres, comezará un evento que xa organizou o Flic Flac no mesmo escenario en 2010. Un desfile dos participantes dará paso dez minutos despois ao comezo das probas, que iniciará a categoría junior de parellas e tríos.

Para ximnastas de 7 a 20 anos, a competición será "moi dinámica" a efectos do público, porque "vai haber alternancia de categorías", explica Jorge Méndez, adestrador e alma mater do club local. O Flic Flac pretende facer "un bo papel, con moitas medallas", aínda que sen precisar número e favoritos nun tipo de campionato onde un erro págase moi caro. Na rolda de prensa Méndez presentou ao trío senior, composto por Nerea Otero, Belén Gómez e Iria Paz, que teñen "tres exercicios marabillosos", desvelou o técnico.

O anfitrión presenta trinta e dous ximnastas, oito de selección española, e Caballero lembra que en xullo irán tamén ao Mundial en Francia, o que representa "un orgullo para a cidade".

O prezo das entradas é asequible. Un bono adulto (maiores de 18 anos) por 10 euros dá dereito a ver as tres sesións (venres pola tarde, sábado pola mañá dende as 9:00 horas e sábado polo serán a partires das 16:00), e de 12 a 18 anos custa 5 euros. A entrada por sesión é de 2 e 4 euros. Os menores de 12 anos, de balde.