O vigués Agustín Alejos, un reforzo temporal de luxo para o Amfiv

agusAmfiv atopou cun inesperado golpe de sorte que lle permitirá con, aínda que só de forma temporal, unha importante incorporación para afrontar a tempada que se iniciará o próximo 26 de outubro. As limitacións presupostarias do conxunto vigués impedían a necesaria contratación dun novo xogador interior para apuntalar un equipo que, tras a marcha do polaco Dominik Mosler, andaba escasa de centímetros.

Todas as opcións intentadas pola dirección deportiva do Amfiv escapaban notablemente das posibilidades económicas da entidade presidida por Pablo Beiro. As cantidades que ofrecen a inmensa maioría dos equipos da División de Honra española e a práctica totalidade dos conxuntos das grandes ligas (Italia, Alemaña, Francia ou Gran Bretaña) son absolutamente inalcanzables para os vigueses. Así, a posibilidade de realizar esa necesaria incorporación estaba practicamente descartada ata que a fortuna sorriu ao Amfiv. Agustín Alejos volve á casa e, polo menos durante a primeira fase da Liga, vestirá de novo a camiseta do club no que se formou como xogador.

José Antonio Beiro, máximo responsable deportivo do Amfiv, explica un pouco máis o golpe de sorte que permitirá ao seu equipo contar de novo con Alejos nas súas filas. "Agustín marchou a Australia despois de rematar a tempada en Italia e ser outra vez subcampiona da Copa Willi Brinkmann, nesta ocasión co Padova Millenium. A súa noiva é de alí e, ademais, aproveitou para xogar a potente liga de verán australiana co Queensland Spinning Bullets, realizando un gran papel ao clasificarse para a Final Four. A súa intención era quedar xa a vivir en Australia pero, para poder facelo, necesitaba conseguir o permiso de residencia. Por fortuna para nós, os trámites alongáronse máis do previsto e o mércores finalizou o seu visado de turista, co que Agustín tivo que regresar a Vigo, aterrando no aeroporto de Peinador a pasada semana", aclara o director deportivo do Amfiv.

"Como coñeciamos a súa situación e que existía esta remota posibilidade, xa nos puxeramos en contacto con el para ver que podiamos facer se chegaba este momento. Nun principio, a idea de Agustín era adestrar co equipo e xogar ata que conseguise o visado definitivo para poder volver a Australia. Non obstante, tras explicarlle claramente a situación do club e as dificultades para atopar un xogador dunhas características parecidas ás súas co noso limitado presuposto, accedeu a comprometerse a disputar polo menos a primeira fase de la nova División de Honra, independentemente de se antes de finais de xaneiro, data na que remata esta rolda inicial da liga, consegue o permiso de residencia australiano", puntualiza José Antonio Beiro, quen agradece profundamente "o compromiso que Agustín mostra co club da súa cidade, no que empezou como xogador e o que lle abriu as portas deste deporte. A súa actitude cara ao Amfiv foi sempre de máximo respecto e cariño. Cando tivo ofertas irrechazables, veu, expúxonolo e marchou coa nosa bendición, deixando sempre as portas abertas de par en par para volver á súa casa".

A súa incorporación á pretempada será inmediata e, posiblemente, pouco traumática posto que o seu estado de forma pouco terá que envexar ao dos seus compañeiros posto que Agustín chega a  Vigo despois de estar a disputar durante os meses de xullo e agosto unha competición tan esixente coma a Liga Australiana. Ademais, Alejos coñece á práctica totalidade dos seus compañeiros, coa excepción do portugués Filipe Carneiro, posto que xa compartiu vestiario con eles no Amfiv ou no Fuhnpaiin toledano e na selección nacional como o caso de Txema Avendaño. De feito, mesmo o corpo técnico tampouco lle será descoñecido dado que a súa última tempada vestindo a camiseta viguesa estivo ás ordes do que volverá ser o seu adestrador esta tempada, César Iglesias.

Agora, os esforzos céntranse en intentar convencer a Alejos para que esta opción temporal se converta en permanente e permaneza co Amfiv ata o final da campaña. "O seu compromiso é disputar a fase inicial da Liga e marchar en xaneiro se xa ten o visado en regra. Se non, continuará co equipo ata que teña ese permiso de residencia, momento no que marchará a vivir a Australia. De tódolos xeitos, nós imos traballar estes tres meses para intentar convencerlle de que quede ata o final da tempada, aínda que sabemos que vai ser moi complicado,", avanza José Antonio Beiro.