Isaia Tuifua, do Vigo Rugby, participará nun cuadrangular en Sudáfrica xunto con Escocia, Italia e a selección local

tuifua Grande repercusión no rugby español sobre a convocatoria do centro Isaia Tuifua, do Blusens Universidade de Vigo, coa selección de Samoa, sétima no ranking mundial da IRB, e unha das seleccións máis en forma na actualidade. A federación samoana deu a coñecer a lista de convocados e entre os xogadores pertencentes a prestixiosos clubs de rugby mundiais como Hurricanes (NZ), Crusaders (NZ), Cardiff Blues (Gales), Stade Francais (Francia) ou Harlequins (Inglaterra), figuraba o xogador do primeiro equipo do Vigo Rugby.

Isaia, que compartirá equipo con experimentados xogadores das grandes ligas mundiais de rugby no torneo sudafricano, foi o mellor xogador dos últimos dous partidos de liga por parte do Blusens Universidade, segundo a tradicional elección que fan os seus compañeiros, entregándolle simbolicamente unha gravata que pertenceu a Norm Maxwell. Ao rematar a liga de división de Honra partiu cara a Newcastle para atoparse co seu irmán Taisina, xogador dos Halcones e con quen compartirá selección, dende onde se trasladou a Nova Zelandia, á espera da saída da expedición en dúas semanas cara a terras sudafricanas.

Fotografía: Tuifua no último partido de liga ante Ordizia. Autor: Jorge Castro.