O Cluny de Santiago campión feminina do Torneo Minibásquet do Seis do Nadal-Coia

cluny_ganador_seis_do_nadalO equipo santiagués do CB Cluny proclamouse campión, da xornada de categoría feminina, do 13º Torneo Internacional de Minibásquet 2013 "30 Anos co Deporte Base", unha cita anual do Club Baloncesto Seis do Nadal Coia coas categorías inferiores que se celebrou no Pavillón Municipal de Navia o pasado domingo 28 de abril do 2013.

Este Torneo de Minibásquet, un dos campionatos con maior tradición e prestixio da comunidade galega, que xa está a celebrar a súa décimo terceira edición, convoca ao mellor das canteiras de baloncesto da cidade de Vigo, da comunidade autónoma de Galicia e de Portugal, reunindo a máis de 400 deportistas e preto de 40 técnicos.

O pasado domingo celebrouse a xornada de categoría feminina na que participaron 12 equipos: os dous conxuntos do Seis do Nadal, Porriño Bto. Base, C.B. Arxil (Pontevedra), C.B. Airexa (Nigrán), Pío XII (Santiago de Compostela), Salesianos (Vigo), Cluny (Santiago de Compostela), C.B. Baiona Torvigo (Vigo), Compañía de María (Vigo), Básquet Coruña (A Coruña) e Marín Peixegalego.

As dúas semifinais femininas enfrontaron aos combinados do Cluny Santiago e Pío XII, e ao C.B. Arxil e Compañía de María; combinados que lideraron os seus grupos na fase previa de clasificación disputada durante toda a mañá. O Cluny Santiago venceu na súa semifinal cunha ampla vantaxe (61-21), mentres que o Compañía de María lograba o pase á final nun igualado e intenso partido (41-50).

O partido final do torneo de categoría feminina enfrontou ao Cluny Santiago e ao Compañía de María de Vigo. O partido foi protagonizado por unha constante igualdade no marcador, rematando a primeira metade cun 16-10 e chegando ao último período cun 24-23 e con todo aínda por decidir. Foi no último período onde as xogadoras do CB Cluny conseguían a maior vantaxe do encontro (35-27), facéndose así co trofeo de campioas do torneo.

O partido polo terceiro e cuarto posto enfrontou ao Pío XII e ao C.B. Arxil, partido que dominou o combinado de Pontevedra ao longo de todo o encontro conseguindo xa na primeira metade unha ampla vantaxe (17-30). Ao final do encontro o marcador amosaba un 37-56 a favor do C.B. Arxil, terceiro clasificado da xornada feminina do torneo.

A quinta posición do campionato foi disputada entre o equipo anfitrión, Seis do Nadal "A", e o Salesianos Vigo, equipos que venceron nos seus cruces dos segundos clasificados dos grupos de clasificación ao Porriño Baloncesto e ao Básquet Coruña. O marcador rematou outorgando a quinta posición do torneo ao Salesianos Vigo amosando un 46-70 final.

Na clausura do 13º Torneo Internacional de Minibásquet 2013 estiveron presentes Abel Caballero, Alcalde do Concello de Vigo; Manel Fernández, Concelleiro de Deportes do Concello de Vigo; Concepción Martins, Presidenta do Club Baloncesto Seis do Nadal; Francisca García e Antonio Iglesias; membros da Xunta Directiva da entidade; Sergio González, Director Deportivo do Seis do Nadal - Coia; Ánxeles Rivela, Directora do Colexio Seis do Nadal; Manolo Dapena; Director do Colexio Celso Emilio Ferreiro; e Natalia Montenegro, en representación de Zona Franca.

O próximo mércores 1 de maio, no Pavillón Municipal de Navia, terá lugar a xornada masculina do 13ª Edición do Torneo Internacional de Minibásquet 2013 "30 Anos co Deporte Base" a partir das 10:30 horas na súa fase de clasificación.