O Amfiv depende de si mesmo para lograr a terceira praza e igualar a súa mellor clasificación histórica

amfiv_amivelO Amfiv desprázase este sábado a Málaga para medirse na última xornada da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas ao Clínica Rincón Amivel, nun encontro vital para cualificar de notable ou de sobresaínte a campaña dos vigueses.

Despois de ser a auténtica revelación da tempada, o conxunto de César Iglesias teñen na súa man pechar a liga do mellor xeito posible dado que unha vitoria este sábado ante os malagueños, un conxunto que non se xogará nada neste encontro tras certificar a súa permanencia a pasada xornada ao vencer en Burgos, permitiría ao Amfiv repetir a súa mellor clasificación histórica, o terceiro posto da tempada 2007-2008. Unha campaña, na que, como nesta, os vigueses foron tamén terceiros na Copa do Rei.

Pola contra, a derrota ante o Amivel obrigaría a estar pendentes do que fagan tanto o EMSV Getafe como o Fundación Grupo Norte fronte a Fundosa Once e Lagun Aro Bilbao, respectivamente, xa que segundo eses resultados o Amfiv podería caer mesmo ata a quinta posición.

"Tendo en conta que o pasado verán aínda non tiñamos claro se iamos poder saír a competir e que decidimos facelo pola xente de casa e tras valorar que o club non podía rematar así tras trinta anos de historia, arriscándonos a pesar de non contar con patrocinador e de ter un dos presupostos máis baixos da Liga, chegar a esta última xornada coa salvación xa conseguida é un rotundo éxito. Coas derrotas ante Burgos e Fundosa escapounos a opción de poder facer historia e conseguir a mellor clasificación do Amfiv nos seus 31 anos de vida pero aínda nos queda a posibilidade de redondear unha tempada para o recordo.

O contrapunto é que unha derrota nos podería deixar na quinta praza e sería unha pena que na última xornada e despois do bo sabor de boca que nos deixa o equipo e o corpo técnico na maior parte desta campaña, salvo dous ou tres encontros, o resultado final sexa pouco mellor que a tempada pasada cando estivemos sempre a remolque. Polo que creo que a vitoria deste sábado é fundamental e sería "imperdoable" unha derrota cando en xogo está algo tan importante para la institución. Por iso, rezo para que os xogadores e o corpo técnico non baixaran os brazos pensando xa nas vacacións e espero que saiban valorar o grande risco que correu o club ao saír a competir por eles esta tempada e fagan este último esforzo", explica José Antonio Beiro, director deportivo do conxunto vigués.

Así, Beiro espera que o equipo se repoña tras eses dous últimos tropezos e volva mostrar a súa mellor cara este sábado a partir das 18.00 horas na cancha do Clínica Rincón Amivel. "Para pechar unha tempada inesquecible dependemos única e exclusivamente de nós mesmos. Unha vitoria en Málaga este sábado garántenos a terceira praza sen ter que depender dos resultados que consigan Getafe e Valladolid ante Fundosa e Bilbao, respectivamente. Ese triunfo sería o merecido premio a unha incrible tempada e o innegable recoñecemento ao duro traballo e o esforzo de xogadores e corpo técnico ao conseguir rematar a campaña por diante na clasificación de conxuntos cun potencial económico e un presuposto infinitamente maior que o noso como son o Fundación Grupo Norte e o EMSV Getafe", explica o máximo responsable da parcela deportiva no Amfiv, quen incide en que "ao inicio da tempada non nos formulabamos pelexar pola terceira praza case que nin no mellor dos nosos sonos. A nosa única intención era conseguir la permanencia. Pero agora que o temos aí e case podemos tocalo coa punta dos dedos, estamos seguros de que tantos os xogadores como o corpo técnico van facer todo o que estea nas súas mans para intentar conseguilo. Para o club sería unha enorme alegría e unha tremenda satisfacción tras varios anos duros nos que tivemos que reducir tempada a tempada drasticamente o presuposto e, especialmente, polo esforzo realizado esta campaña, na que non tivemos patrocinador e aínda estamos pendentes de ver como cubrimos o que nos falta para completar o presuposto".