Freada en seco á euforia do Aldasa Amfiv

amfivO Aldasa Amfiv acusou en exceso os nervios do debut e a presión xerada pola boa pretempada ao deixar escapar nunha mala segunda parte a vitoria ante un rival directo como o Mideba Badajoz (57-61), comezando con mal pé a División de Honra.

Sorpresa maiúscula en Bouzas. Sabíase que a visita do Mideba non ía ser doada. O xogo interior dos de Badajoz facía presaxiar que a vitoria ía ter que suarse. Pero os excelentes resultados obtidos polo Aldasa Amfiv en pretempada desbordaran o optimismo. Ademais, ao descanso, os pupilos de Abraham Carrión parecían ter controlado o choque. Non obstante, a situación variou radicalmente nos dous últimos períodos. Os nervios ataron as mans os vigueses e consumouse a derrota. Dolorosa por inesperada aínda que instrutiva. Aínda queda moito traballo por diante para apuntalar a defensa. Tamén, os vigueses deben mellorar notablemente o seu lanzamento exterior. E practicalo con máis asiduidade. O mellor, que a liga acaba de empezar.

Estaba todo listo para a festa pero as cousas torcéronse xa dende o inicio. A tromba de auga caída sobre a cidade provocou que outro encontro de baloncesto da Liga Senior Zonal se trasladase a Bouzas ao atoparse inundado Balaídos, alterando o quentamento de ambos os dous conxuntos e obrigando a atrasar uns minutos o comezo do choque. O cambio da rutina habitual pareceu afectar máis de inicio aos locais. As ansias por agradar ao público de Bouzas no primeiro partido da tempada tamén se pagaron de inicio. A pesar de todo, a defensa presionante minimizaba inicialmente os danos causados pola tripleta Vargas-Cano-Lourenço. Por iso, o Aldasa Amfiv finalizaba os primeiros dez minutos por diante no marcador (17-13, min.10).

O segundo cuarto foi, loxicamente, unha continuación do anterior. David Mouriz e Berni Costas parecían sentirse notablemente cómodos na súa volta á casa e da súa man o conxunto de Abraham Carrión mantiña o control do partido e do marcador, cos apuros esperados para frear o potente xogo interior do Mideba. Porque entre os seus tres pívots anotaron 57 dos 61 puntos dos visitantes. Un triplo de Berni para pechar os segundos dez minutos mandaba o choque ao intermedio cunha interesante renda para os vigueses (32-25, min.20).

Non obstante, todo cambiou tras a reanudación. O Aldasa perdeu a confianza en ataque. Os brazos agarrotáronse. Os tiros empezaron a escasear. O acerto diminuíu. Os homes clave do conxunto de Abraham Carrión non atopaban o camiño á canastra rival. Empezaban a complicarse as cousas. O Mideba colleu osíxeno. Respirou.  Aproveitou a perda de confianza do Amfiv para engancharse ao partido. E disputalo (46-45, min.30).

A bancada, incrédula, trataba de insuflar ánimo aos seus xogadores. Os nervios no Amfiv notábanse mesmo en defensa. A intensidade non era a da primeira parte. Os visitantes anotaban con comodidade. Mentres, os vigueses precipitábanse. Perdían balóns e seleccionaban mal os seus tiros.

Malia o inexplicable baixón no rendemento, o Aldasa mantivo as súas opcións ata o final. Outro motivo para o optimismo. Porque a derrota chegou máis por erros propios que por acertos do rival. Tamén os houbo. Con catro puntos abaixo a falta de dous minutos para a conclusión do encontro (52-56, min.38), os pupilos de Carrión tiveron nas súas mans conseguir a vitoria. Pero non era o seu día. Tres tiros fallados e un balón perdido foron unha lousa demasiado grande para evitar a decepción (57-61).

A próxima semana o Amfiv terá un complicado desprazamento xa que xogará o sábado na cancha do Fundación Grupo Norte de Valladolid. Os pucelanos, a priori, figuran nas quinielas como candidatos a ocupar os primeiros postos, co cal os vigueses terán ante si a oportunidade de recuperar parte do que deixaron escapar no seu debut en Bouzas.

FICHA TÉCNICA
ALDASA AMFIV: Xullo Vilas (2), Moncho Pombo (3), David Mouriz (6), Lorenzo Envó (9), Lalo (6) -cinco inicial-, Berni Costas (13), Agustín Alejos (8), Vicky Alonso (4) e Leo Tahti (6).
MIDEBA BADAJOZ: Vargas (20), Tavio (4), Lourenço (11), Cano (26), Angulo (-) -cinco inicial-, Muñoz (-) e Romeiro (-)
PARCIAIS: 17-13, 32-25 (descanso), 46-45 e 57-61 (final)
ÁRBITROS: C. Baquero e Jorge González Marqués. Sen eliminados.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á primeira xornada da División de Honra de Baloncesto en Cadeira de Rodas disputado no Pavillón de Bouzas ante aproximadamente 500 espectadores. Presenciaron o choque dende o palco o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, entre outras autoridades.