Volve o circuíto Run Run Vigo na súa vertente solidaria coa Vigo contra o Cancro, o 15 de outubro

Imprimir

Presentación Vigo contra el CáncerO alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, materializaron este luns, xunto coa tenente de alcalde, Carmela Silva, o seu apoio á X Vigo contra o Cancro, durante o acto de presentación da nova convocatoria na Casa da Cultura Galega. O evento, cunha proba de 5.000 metros, non competitiva, e outra de 10.000, correspondente ao circuíto municipal de carreiras populares Run Run Vigo, está prevista para o domingo 15 de outubro en Coia.


"Seguiremos e manteremos o apoio os vindeiros anos porque se trata dunha mobilización por unha causa moi importante. E non só pola recadación e pola investigación, senón porque ten moito que ver coa mobilización social en Vigo; e é moi importante porque sensibiliza tamén sobre tódalas recomendacións de vida saudable en relación á prevención do cancro", recalcou o alcalde, que destacou que a carreira de 10 quilómetros, cronometrada e con premios, está inmersa no atletismo "cualificado", xa que está incluída no programa municipal Run Run Vigo. Sinalou que a modalidade de 5 quilómetros conta cunha vertente "máis lúdica e familiar", xa que pode realizarse andando. Durante o transcurso da carreira, entre a chaira de Castelao e a Avenida de Europa, a Policía Local cortará os seis carrís de circulación dos viais.

Ante a presenza dela directora da Asociación Vigo contra el Cáncer, Rosa Soliño, e da responsable de comunicación de El Corte Inglés en Galicia e Asturias, Fuencisla Cid, o rexedor apelou á solidariedade dos vigueses tanto chamando á participación ata esgotar as 5.000 prazas (entre as dúas probas), como coa compra do dorsal solidario. De feito, Soliño destacou que dende 2013 coa primeira edición, os beneficios da marea azul supuxeron 200.000 euros para investigación contra o cancro.

As persoas interesadas en participar poden anotarse no portal da carreira (https://www.vigocontraelcancer.com) ou inscribirse presencialmente na planta 5 (Deportes) do Corte Inglés, pero tamén na web do circuíto (https://www.runrunvigo.com/) e na xestora dos tempos do mesmo (https://magmasports.es/es/eventos/run-run-vigo). O 90% dos fondos recadados destinaranse a financiar o programa Liquid Pancreas para predicir cunha biopsia líquida a recaída tumoral en pacientes sometidos a intervencións cirúrxicas; os cartos restantes investiranse nas nenas e nenos atendidos no Servizo de Oncoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro.