Santi Comesaña perderase por enfermidade o partido ante o Mideba

SantiO Amfiv afrontará este sábado en Badajoz o seu terceiro encontro na Fase polo Título, un choque no que os vigueses medirán forzas ante o subcampión da pasada edición da Copa do Rei e actual terceiro clasificado na Liga, o Mideba Extremadura. E farano con dúas ausencias importantes, que deixan baixo mínimos ao conxunto de César Iglesias.

Unha xa era coñecida dende comezos desta mesma semana, cando Agustín Alejos emprendeu a súa viaxe a Brisbane para iniciar a súa nova vida en Australia. A outra soubo na mañá de onte, ao abandonar Santi Comesaña as dependencias de Urxencias. O xogador vigués arrastraba dende fai xa varias semanas diferentes catarros e procesos gripais que o obrigaran a acudir ao médico en varias ocasións e mesmo a perderse algunhas sesións de adestramento. Como non remataba de recuperarse e nas últimas horas o seu estado empeorara sensiblemente, acudiu unha vez máis ao hospital onde lle diagnosticaron unha infección pulmonar que o manterá afastado os próximos días dos terreos de xogo.

Para colmo de males, o seu posible substituto no desprazamento a Badajoz, o xogador subido esta mesma campaña ao primeiro equipo procedente das escolas deportivas do Amfiv, Luismi González, atópase en cama con febre e tampouco poderá viaxar. Deste modo, o corpo técnico vigués unicamente poderá contar con oito xogadores dispoñibles para o complicado encontro na cancha do Mideba: Samuel Rodríguez, Filipe Carneiro, Julio Vilas, Berni Costas, Vicky Alonso, Nick Radovich, Txema Avendaño e Lorenzo Envó.

"Tras a marcha de Agustín Alejos sabiamos que quedabamos nunha complicada situación porque calquera lesión ou enfermidade podía provocar que sucedese isto. Lamentablemente foi antes do que podería esperar. Santi leva xa varias semanas facendo un esforzo importante e se para agora, estamos seguros de que é por estrita prescrición médica. Esperamos que se recupere o antes posible para poder axudar ao equipo aínda que agora mesmo o máis importante é a súa saúde e que consiga deixar atrás dunha vez por todas eses problemas respiratorios. Ademais, estamos completamente convencidos de que os oito xogadores que se desprazarán a Badajoz realizarán un esforzo extra para superar todos os contratempos e intentarán pelexar por conseguir o noso primeiro triunfo nesta Fase polo Título, a pesar de que o Mideba é un rival moi potente, sobre todo no seu campo,", sinala José Antonio Beiro, máximo responsable deportivo do Amfiv, quen recorda que a situación económica do club non permite pensar en realizar ningunha fichaxe.

"Xa o pasado verán tivemos moitos problemas para configurar e pechar o equipo porque seguimos unha campaña máis sen patrocinador e non podemos competir economicamente coa inmensa maioría dos equipos da División de Honra. Por iso, aínda que sabiamos que a posibilidade de que Agustín marchase estaba enriba da mesa, nunca nos formulamos buscar algunha outra incorporación porque o noso limitado presuposto non dá para máis. Xa realizamos un enorme esforzo para manter con vida o proxecto nestas condicións e hai que adaptarse a elas. O noso presuposto é moi limitado e non podemos facer loucuras. Temos que pelexar coas armas que temos. Ademais, ata o momento non nos foi tan mal posto que o obxectivo primordial do club, que era a permanencia, xa está conseguido. Viaxamos a Badajoz con só oito xogadores e minguados nas rotacións pero sabemos igualmente que os nosos xogadores teñen calidade e casta suficientes para dar a sorpresa e volver á casa coa vitoria. Se por algo se caracteriza historicamente o Amfiv é porque nunca se rende. E iso vai seguir así", finaliza José Antonio Beiro.