O Amfiv iniciará a Fase polo Título na cancha do Bilbao BSR de David Mouriz

SEGUNDA_FASEDespois de conseguir no último instante a súa clasificación para a Copa do Rei a pesar da súa derrota ante o Fundación Grupo Norte, o conxunto vigués afronta unha semana sen competición liguera, perfecta para recargar as pilas tras dúas intensas semanas.

A vitoria do Amiab albaceteño na cancha do ACE Gran Canaria permitiu ao Amfiv lograr igualmente o seu billete para o torneo do K.O., confirmando a consecución do segundo obxectivo que se marcara o club tras certificar xa unha semana antes a súa continuidade na máxima categoría do baloncesto en cadeira de rodas nacional.

"Agora tócanos gozar. A nosa meta, unha tempada máis, era lograr a permanencia e conseguímola folgadamente, conseguindo mesmo nos clasificar para disputar a Fase polo Título. Ademais, temos o premio de poder estar de novo na Copa do Rei, co que estamos máis felices aínda,", comenta José Antonio Beiro, máximo responsable deportivo do Amfiv, quen puntualiza que "isto non quere dicir que nos vaiamos pasear o que resta de campaña. Afrontamos a Fase polo Título coa máxima ambición como calquera deportista e coa vantaxe de non ter ningún tipo de presión polos resultados. A nosa intención é facer o mellor papel posible para tratar de rematar o máis arriba que se poida na táboa clasificatoria. Despois de dúas semanas con moitos nervios, primeiro por lograr a permanencia e logo por conseguir clasificarnos para a Copa do Rei, agora imos gozar".

Bilbao BSR, Getafe, Fundosa Once e Mideba Extremadura serán os rivais do Amfiv nesta segunda fase liguera, na que se arrastrarán os resultados obtidos na primeira fase. Así, os vigueses iniciarán esta Fase polo Título cun balance na súa cuadrícula de 5 triunfos e 5 derrotas e farano o próximo sábado 8 de febreiro ás 18.30 horas na cancha do conxunto vasco. Os bilbaínos, un conxunto que se reforzou moito e moi ben este verán, figurando entre as súas múltiples fichaxes o ex xogador do Amfiv David Mouriz, ocuparon a segunda posición no Grupo I da primeira rolda liguera tras lograr 6 vitorias e 4 derrotas.

O segundo rival do Amfiv nesta Fase polo Título será o único conxunto aínda invicto, o Fundosa Once, líder incontestable do Grupo I ao gañar os seus dez partidos. Os madrileños serán os primeiros en visitar o Pavillón de Bouzas, o 15 de febreiro, nun encontro que se disputará ás 20.00 horas por necesidades do Instituto Municipal dos Deportes.

Despois do complicado compromiso ante o intratable Fundosa, os pupilos de César Iglesias desprazaranse a Badajoz para medir forzas co cuarto clasificado do Grupo I, o Mideba Extremadura, un equipo que presenta idéntico balance que os vigueses (5-5). A visita  Vigo do Getafe, terceiro no seu grupo tras gañar 6 partidos e perder 4, pechará a primeira fase desta loita polo título na División de Honra.

"Será unha competición moi interesante porque todos os encontros serán ante rivais do máximo nivel. Para nós vai ser un reto moi bonito porque imos ver qué rendemento podemos dar ante adversarios con presupostos moi pero que moi superiores ao noso e con equipos de auténtico luxo. Ademais, repito, xogaremos sen ningunha presión polos resultados e iso é outra baza ao noso favor. Os nosos obxectivos xa están máis que conseguidos pero estou completamente seguro de que tanto o corpo técnico como os xogadores desexan máis e van traballar moi duro para conseguilo", finaliza José Antonio Beiro.

Calendario Fase polo Título

08-02-2014 XORNADA 1 BILBAO BSR-AMFIV  18.30 HORAS 
15-02-2014 XORNADA 2 AMFIV-FUNDOSA  20.00 HORAS
22-02-2014 XORNADA 3 MIDEBA-AMFIV  18:30 HORAS 
01-03-2014 XORNADA 4 AMFIV-GETAFE  18.30 HORAS
15-03-2014 XORNADA 5 AMFIV-BILBAO  18.30 HORAS
22-03-2014 XORNADA 6 FUNDOSA-AMFIV  18.30 HORAS 
29-03-2014 XORNADA 7 AMFIV-MIDEBA  18.30 HORAS
12-04-2014 XORNADA 8 GETAFE-AMFIV  18.30 HORAS