Abel Caballero e Manel Fernández aplauden a entrega dos nenos do Torneo de Reis de fútbol 8

final_reisA medalla de Vigo xa brilla no pescozo dos máis de 250 xogadores e xogadoras de 6 ou menos anos de idade que disputaron o III Torneo de Reis, esta vez de fútbol 8, organizado pola Fundación VIDE e co apoio do Concello de Vigo e do IMD.

O temporal non impediu a disputa dos doce derradeiros partidos programados ao ser cambiado o día anterior o escenario do torneo, trasladándoo de Samil ao confortable e seguro Pavillón Central das Travesas, onde a organización, dirixida por Belarmino Alonso, Milucho, dispuxo dous campos con porterías de fútbol sala para que os nenos xogasen os encontros.

A bancada rexistrou un bo ambiente e cada gol foi celebrado coma se dunha final se tratase, respondendo os nenos aos ánimos paternos cun excelente desempeño na cancha. Os árbitros, da Agrupación Deportiva Vigo (entidade que promove Vigo en Xogo), mostraron igualmente un talante didáctico para que os nenos gocen a esta idade xogando sen ningunha presión.

O alcalde da cidade, Abel Caballero, que acompañou ao concelleiro de Deportes e presidente de VIDE, Manel Fernández, pechou a xornada con palabras de apoio aos participantes: "En nome da cidade quero felicitar a estes campións que son capaces de lucir o mellor fútbol que se pode ver neste pavillón", sostivo. Caballero sinalou que "xogan maravillosamente" e non dubidou en manifestar que "a pouco que nos descoidemos verémolos xogando no Celta, Madrid ou Barcelona". O rexidor, que valorou o traballo dos directivos e adestradores, pola súa dedicación, tamén quixo dar un gran aplauso "a pais, nais e familiares que fan posible isto", e concluíu a súa intervención cun enérxico "que siga o fútbol, que siga o deporte".

Antes da entrega de medallas, a organización premiou aos adestradores dos equipos que acudiron ao torneo e o alcalde amosou os seus dotes balompédicas enviando varios balóns á grada.

O Torneo de Reis contou con equipos de once clubs, nove de Vigo (Alertanavia, Colegio Hogar, Unión Deportiva Santa Mariña, Arenas, Matamá, La Guía, Sárdoma, Coruxo e Vigo 2015) e dous da súa área de influencia (Casa Paco, de Redondela, e Tyde, de Tui).

Con este torneo conclúe a aposta de Nadal do Concello en xeral e da Concellería de Deportes en particular, que durante sete días (catro en Nadal e tres no inicio de ano) copou catro campos de fútbol da cidade (Castrelos, Navia, Bouzas e Samil) para campionatos de fútbol 7 e fútbol 8, cunha cifra final duns 1.400 participantes entre xogadores/as de 5 a 11 anos, árbitros e adestradores.