O Maniotas irá ao Mundial de ximnasia estética, por quinto ano consecutivo, co apoio do Concello

mundialO Club Maniotas de Vigo, fundado o ano 1986 (no 2011 cumprirá 25 anos), é unha entidade deportiva que comezou competindo en ximnasia rítmica individual e de conxuntos, tanto en nivel federado como escolar.

Xestor das escolas deportivas municipais da modalidade, da que se nutre a canteira do club, desde o ano 2005 incorporou á súa estrutura a ximnasia estética de grupo, aínda por potenciar en España (está organizada pola Asociación Española de Ximnasia Estética de Grupo, Aegeg, recoñecida internacionalmente en 2004) pero que deu ao club unha gran experiencia mundial en representación de España. E precisamente, do 10 ao 14 do vindeiro xuño, en Varna (Bulgaria) celebrarase a undécima edición do Campionato do Mundo desta disciplina organizada pola International Federation of Aesthetic Group Gymnastics (IFAGG), é dicir, a Federación Internacional de Ximnasia Estética de Grupos. O Maniotas enfrontarase a uns 26 equipos de trece países diferentes no que será o quinto Mundial consecutivo ao que a entidade deportiva local acode tras Tampere 2006, Salou 2007, Toronto 2008 e Moscova 2009.

Na presentación do equipo para o Mundial, hoxe no Centro Social Caixanova, o concelleiro de Deportes de Vigo, Xabier Alonso, subliñou que “o Mundial do Maniotas, quinto seguido, é a cúspide da pirámide dun traballo de base impresionante”. O Maniotas, segundo explicou Lorena Reboredo, do cadro técnico, aspira a disputar a final, á que van os mellores equipos da fase previa.

Pola súa banda, Santi Domínguez, tenente de alcalde de Vigo, pediu ás ximnastas do equipo vigués “que deixen hipnotizados aos xuíces e xuízas” coa súa actuación, e lembrou que “o club cumpre coa promoción do deporte feminino da cidade; hai que facer discriminación positiva porque segue habendo máis nenos que nenas practicando deporte”. Ademais, valorou a traxectoria do club, “con 25 anos servindo ao deporte”, concluiu.

María García-Trío, adestradora do equipo vigués, presentará a montaxe “Ave Fénix”. O tema ten o seu porqué: é unha homenaxe ás inagotabeis xeracións de ximnastas que saíron do Maniotas, sempre dispostas a sobreporse como o paxaro mitolóxico. Trátase xa que logo dunha mestura de forza, coraxe e plasticidade nunha modalidade que eleva o estético á súa máxima expresión con acrobacias espectaculares.

O Maniotas conquistou en abril o subcampionato senior estatal no pavillón Lluis Bachs de Girona (sexta edición) e hai dúas fins de semana rematou no décimo cuarto posto na III Copa do Mundo, en Sant Cugat do Vallés. O Maniotas soubo reporse a dúas baixas graves nas últimas semanas, Ayala Ortiz (recaída na rotura de fibras que padece no xemelgo) e María Laura (apendicitis).

O Maniotas foi tamén subcampión de España no 2009 (Xixón), por detrás do INEF Barcelona, e no 2008 (Pinto, Madrid), tamén quedou segundo, co mesmo equipo catalán por diante.

Invitación ao Mundial (231.34 kB)

Mundial moscú 2009 (13.68 kB)