Deseño novidoso para o Cidade de Vigo de carreiras populares e reto de acadar os 10.000 atletas

cartel2012O cartel do IV Circuíto Cidade de Vigo de carreiras populares, un deseño da firma viguesa errepetres, "é o reflexo da esencia de todas e cada unha das probas que o compoñen, de como os afeccionados ao atletismo e os deportistas populares desfrutan da cidade", segundo explica a firma autora.

Guillermo Janeiro, responsable da idea, apunta da mesma que "as probas do circuíto son o mesmo traxecto que moitos fan en cada adestramento, o ir e vir de cada día. Unhas máis longas, outras máis duras pero todas en Vigo".

E asegura que "todos e todas @s participantes, as propias probas do circuíto e os seus percorridos forman ese gran atleta que é a cidade de Vigo".

O novo logo das carreiras populares, loubado polo alcalde durante o acto de presentación do circuíto hoxe en Alcaldía, ten detrás tamén moitos máis obxectivos. De feito, o concelleiro de Deportes e presidente da Fundación VIDE, Manel Fernández, sinalou que “o Concello quere darlle pulo a este campionato e márcase o reto de superar os 10.000 participantes nestas probas de “running”, ademais de pretender "cohesionar o mundo do atletismo".

Segundo dixo o concelleiro socialista, "con esta diversidade de probas tamén queremos facer cidade a través do deporte".