As cousas do calendario: o Octavio xogará fronte ao líder Obearagón catro días antes da Copa do Rei

videpilotesO mes de abril non só será o da disputa en Vigo da Copa do Rei de balonmán, por primeira (e única) vez cun equipo da segunda categoría do país, senón tamén crave para o Octavio na súa traxectoria na competición regular.

O 2 de abril, sábado, o Pilotes Posada recibirá ao Obearagón Huesca nas Travesas. Será pois uns días antes da fase final copeira (do 6 ao 10), na que tanta ilusión depositou o equipo galego. Non poderán distraerse. Oscenses e vigueses mandan na táboa, pero só o primeiro clasificado ascende de forma directa á Asobal.

Entre esta vindeira xornada (Octavio-Almoradí, Obearagón-Anaitasuna) e a dese duelo directo hai aínda oito partidos, con todo podería darse o caso de que o partido da vixésima quinta xornada sexa vital. E a xornada 26? O 9 de abril o Octavio tería que recibir ao Villa de Aranda, pero nesa data xóganse en Vigo as semifinais da Copa do Rei.

Javier Rodríguez, presidente académico, xa tratou o asunto co conxunto de Aranda de Duero, e acordaron adiar o choque das Travesas ao 21 de abril pola mañá, Xoves Santo (festivo). A fin de semana do 23 e 24 non hai competición por Semana Santa.