A Subida ao Castro arrasa en inscricións e rompe co tabú da súa peculiaridade

subidacastrowebA Subida ao Castro presentouse este venres na tenda de deportes Sport Zone, no Centro Comercial Gran Vía. Disputarase o 11 de decembro, como xa se anunciou a través do portal oficial da Fundación VIDE e na web de Championchip Norte, e comezará ás 12:00 horas desde a rúa Cánovas del Castillo.

 

Cun percorrido final de 2,32 quilómetros, a organización xa se atopou que a marca de participación, 310 corredores en 2010, ten sido amplamente superada. A día de hoxe xa hai 443 inscritos, unha cifra extraordinaria para a carreira máis estraña do calendario galego, ao ter que superar os atletas os desniveis de Vigo correndo polas súas escaleiras. Uns 250 chanzos separan a saída da meta, no parque Charlie Rivel do castelo do Castro. A masiva inscrición rompe cos tabús que falaban da dureza desta carreira en ascensión permanente.

Ata agora a inscrición era gratuíta. O martes 6 xa custará 1 euro; 2 euros o día 7, mércores, e 3 euros o xoves 8. O peche das inscricións producirase na medianoite do xoves.

Na recta final do circuíto vigués de carreiras populares, a subida pode decidir moitos premios en metálico do evento anual que patrocina a Concellería de Deportes e apoia a Fundación VIDE. De feito, numerosos inscritos no circuíto anotáronse de forma gratuíta a esta carreira tan selectiva polas rúas da cidade.

Atletas como Paula Román e Sara Pérez, ou Elías Domínguez, Alberto Bastos e Daniel Bargiela xa se atopan entre os 443 participantes confirmados pola organización, para unha proba de Singletrack Outdoor Sports, empresa orixinal da firma publicitaria errepetrés.

A Subida é a sexta e penúltima das carreiras pertencentes ao Circuíto de Carreiras Populares Cidade de Vigo, que comezou en 2009 e vai camiño da consolidación.