A Copa Vigo de fútbol afeccionado entra xa nos cuartos de final no Federativo de Coia

alerta08A Copa Vigo de fútbol afeccionado (os modestos) entra na súa terceira semana de competición coa disputa da segunda fase do campionato, os cuartos de final, que se desenvolverán entre esta semana e a próxima tamén a partido único.

Agora entran en xogo os cabezas de serie, Alerta Traviesas (na imaxe, cando gañou no 2008) e Rápido de Bouzas B, que tentarán conquistar un trofeo para o que un ano máis o Alerta é favorito, con permiso do defensor do título (Rápido B).

Da previa só chegaron dous equipos que repiten sobre os cuartos de final 2009, o Santa Mariña e o San Esteban. Os de Cabral, ademais, poden presumir de ser o único equipo que pasou a eliminatoria de oitavos os tres últimos anos. Tras a primeira criba, dúas Segundas, Coruxo B e Sárdoma, fóronse á rúa, pero a emoción segue: dos campións copeiros deste século, tres avanzaron rolda (San Esteban, Santa Mariña e Nieto), un non compite (Racing Castrelos, gañador en 2002), outro caeu eliminado (Sárdoma, 2006) e dous entran en escena agora (Alerta e Bouzas B).

En cuartos, como pouco un gañador da Copa Vigo nesta década dirá adeus, porque hai un choque entre campións, o partido entre C.D. Nieto (2005) e Santa Mariña (2003 e 2004). Curiosamente ese cruzamento repite o de 2009 tamén en cuartos, resolto polo Nieto cun espectacular 6-0.

Polo momento, a Copa está ofrecendo moito espectáculo no Federativo de Coia. Dezaoito goles en oitavos, a unha media de tres tantos por partido, e un único conxunto, o Nieto, que liquidou o seu compromiso con goleada, son as cifras iniciais do torneo.

Esta semana, mércores e xoves serán os días de partido copeiro. O Alerta Traviesas, finalista os tres últimos anos, saltará ao campo o mércores, mentres que o xoves será o case centenario Coya (1911-2011) o que opte a praza en semifinais con permiso do San Esteban de Beade. O San Esteban quere repetir pase a "semis", como no 2009, mentres os de Coia pretenden volver a esa eliminatoria, como en 2008, cando gañaron pero foron descualificados por unha aliñación indebida.