Os 25 anos de historia do Vigo Rugby Club xa teñen logo promocional para a tempada da celebración

logo 25 aniversario finalAínda que dende hai unhas semanas David Monreal está a delinear o equipo para a tempada 2012-2013 na Liga Renfe, a partires da semana pasada activouse a organización xeral do club, presentando o 25 aniversario que se cumpre nesta campaña, e dando o pistoletazo oficial de saída.

A vindeira tempada cumpriranse 25 anos dende a fundación do Vigo Rugby Club, cando en 1988 Ramón Pérez Amoedo e Eduardo Portela reuníronse na praia do Vao ao redor dun balón de rugby.

O club ten previsto diversos festexos e eventos para conmemorar esta efemérides, os cales iranse planificando dende agora e desenvolveranse ao longo da tempada.

Da campaña 2011/12 só queda disputar o IX Torneo de Rugby Praia que se levará a cabo en Praia América o sábado 28 deste mes, ás 11.00h. Para a seguinte campaña, estase a traballar na consecución dun patrocinador principal -rematou o patrocinio de Iveco-, gran sustento durante os últimos dous anos. Polo de agora non hai ningunha empresa con interese concreto, pero hai algunhas conversas iniciadas.

Como é habitual, o apoio da Universidade de Vigo volverá ser un piar fundamental para afrontar esta nova tempada, e dende a directiva hai certa confianza en que se poderá saír a competir nunha liga de División de Honra que incorpora dous equipos adicionais para levar o número a 12 participantes, e ten previsións de comezar o 16 de setembro, aínda que o calendario está por sortearse.

Ao longo destes días lanzarase ademais a campaña de socios a través da web e redes sociais, mediante novos sistemas de inscrición que se irán presentando. O club traballa tamén na posibilidade de ofrecer beneficios adicionais aos socios en tendas e empresas cos que se chegue a uns acordos, como descontos e agasallos.