O Campionato de Vigo de tenis decídese en Samil con Miguel Casal e Patricia Vilas defendendo título

premios2011A décimo cuarta e derradeira xornada do 71 Campionato de Vigo ofrece este domingo 2 de setembro nove finais, co prato forte ás 18:00 horas, cando se xogan ao tempo nas pistas 9 e 10 do complexo deportivo de Samil os títulos absolutos masculino e feminino. Hoxe xa se xogaron outras nove.

Coa desilusión que supuxo a retirada da vixente campioa de Galicia, Marta González Niño (C.T. Nigrán), que non puido saltar á pista por lesión esta semana, os dous choques absolutos individuais ofrecen un extraordinario interese.

En categoría feminina, Patricia Vilas, que era a terceira favorita, defende título ante Diana Martínez, nunha final inédita. Vilas non perde en Samil dende 2009, cando cedeu o título a Eva Vilar, e en semifinais de 2010 xa se impuxo a Martínez Gordedo por 6-2 e 6-0. A esta final a viguesa chegou sen ceder un set ante González, Fernández e Gisela Amor, mentres que o seu rival, que non era cabeza de serie, bateu a Arreola, pasou rolda por lesión da campioa autonómica e meteuse no partido decisivo. Aí, logo de tres sets e remontando un comezo nefasto, derrotou a López (0-6, 6-2 e 6-3) en semifinais.

A final absoluta masculina ten especial morbo. Hai un mes, nos Abetos, Roberto Rodríguez lograba o título autonómico á conta de Miguel Casal, que sumaba trece trofeos seguidos. Rota esa tradición, o mexicano fincado en Vigo quere agora gañar un campionato local cuxo trofeo tampouco levantou nunca. Nos catro últimos anos participou en tres edicións (2008, 2009 e 2011), chegando sempre á final... e perdéndoa ante Casal tras esgotar os tres sets. Nesta ocasión Casal e Rodríguez chegan tendo esmagado aos seus adversarios (oito xogos en contra recibidos en tres partidos por Casal fronte a 7 perdidos por Rodríguez).

Pola mañá (11:00), Iago González e Miguel Rivas dirimen a final cadete. Polo serán, catro finais ás 16:00 horas, unha ás 17:30 e tres máis ás 18:00. Entre ambas as quendas da tarde, ao redor das 17:00 horas haberá un clínic da firma Babolat para probar raquetas, pero tamén exercicios de habilidade e destreza, probas para os nenos e, ademais, sorteo de agasallos.

Na imaxe, a entrega de premios do verán de 2011.