O Aldasa regala demasiado na primeira parte para poder sorprender ao líder

Os vigueses souberon reaccionar ao seu pésimo inicio de choque despois do descanso (49-17) para impoñerse no terceiro e no cuarto período, a pesar da lesión nun ombro de Lorenzo Envó e a rotura da cadeira de Agustín Alejos, dando a cara ante un Once Andalucía que se xogaba o título e quixo marcar distancias dende o asubío inicial (74-61).

O Once Andalucía xogaba a liga. O líder da División de Honra de Baloncesto en cadeira de rodas cun balance de 18 triunfos e só 2 derrotas sabía que a visita do Aldasa Amfiv era definitiva. Os madrileños do Fundosa Once, tamén cun saldo de 18-2 pero cedendo os seus dous encontros ante os sevillanos, esperaban ansiosos un favor dos vigueses para acceder ao liderado a unha xornada para a conclusión da campaña. O equipo de Mateo Feriani xogaba moito e deixouno claro dende o principio.

O Aldasa sabíao. Non se sorprendeu por iso. Pero viuse desbordado e superado. A culpa foi dos seus propios erros. Porque os pupilos de Abraham Carrión iniciaron o encontro seguindo a formulación prevista, movendo o balón e buscando as súas opcións. Non obstante, os primeiros tiros non entraron e o Once Andalucía non perdoa. Os locais si anotaban e os nervios empezaron a apoderarse dos vigueses. Ademais, Lorenzo Envó era castigado demasiado pronto con tres faltas persoais, a terceira unha técnica, co que tiña que irse ao banco. O Amfiv fixo o que non debía. Baixou os brazos e os sevillanos entraron a matar xa no primeiro cuarto (26-7). Aproveitando as facilidades atopadas, e con porcentaxes nos seus lanzamentos superiores ao 75 por cento de acerto, o Once Andalucía íase ao descanso despois de pasar por enriba aos vigueses (49-17).

Pouco quedaba en xogo máis que o orgullo. O partido estaba visto para sentenza pero o conxunto de Abraham Carrión estaba obrigado a pelexar para lavar a pobre imaxe ofrecida nos dous primeiros cuartos. As circunstancias non parecían as máis propicias. Lorenzo Envó, un dos referentes ofensivos do Aldasa, sufría un forte golpe no ombro e non podía seguir xogando, á espera de acudir a un hospital esta mesma noite en Sevilla para coñecer o alcance da súa lesión. Mentres, Agustín Alejos tiña problemas coa súa cadeira e a súa participación na segunda parte do encontro tamén se vía minimizada. Malia todo, o Amfiv tirou de casta e aproveitou a lóxica relaxación do Once Andalucía para arranxar o estrago do inicio do choque. E fíxoo, ademais, coa participación de todos os seus xogadores, demostrando a amplitude do seu equipo para apuntarse os dous últimos cuartos. O terceiro por un claro 10-21 e o cuarto e definitivo por un marcador de 15-23. Non obstante, a distancia cedida antes do intermedio era absolutamente insalvable e os pupilos de Carrión unicamente puideron maquillar a derrota (74-61). Iso si, a loita, a entrega e o orgullo mostrados tras o intermedio permiten aos vigueses regresar da súa visita á cancha do líder coa fronte ben alta, sabendo, ademais, que se gañan o próximo sábado en Bouzas ao Barcelona rematarán a tempada nunha meritoria quinta posición.

FICHA TÉCNICA
ONCE ANDALUCÍA: Diego de Paz (23), Pollock (11), Sonia Ruiz (4), Bill Latham (16), Pablo Zarzuela (10) -cinco inicial-, Sergio Beiro (6) Pepe Navarro (4).
ALDASA AMFIV: Berni Costas (5), Santi Comesaña (-), Xullo Vilas (9), Lorenzo Envó (4), Lalo (15) -cinco inicial-, Agustín Alejos (10), David Mouriz (4), Najib Essahiri (6), Leo Tahti (4), Vicky Alonso (4), Moncho Pombo (-).
PARCIAIS: 26-7, 49-17 (descanso), 59-38 e 74-61 (final).
ÁRBITROS: Rebolo e Morón. Eliminaron por cinco faltar persoais ao local Diego de Paz.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á vixésimo primeira xornada da División de Honra de Baloncesto en Cadeira de Rodas disputado en Sevilla.