Forte derrota do Aldasa Amfiv na pista do favorito para gañar a Liga, o Grupo Norte

374aldasa-fundosa1O Fundación Grupo Norte logrou un triunfo moito máis cómodo do esperado grazas á colaboración inesperada dun Aldasa Amfiv que baixou os brazos no descanso e que, polo tanto, recibiu un severo castigo na cancha dos vallisoletanos (78-41).

 

Os vigueses, grazas a unha boa, dura e intensa defensa, compensaron os seus fallos en ataque no primeiro cuarto para manterse no partido (14-12, min.10) e conservar intactas as súas posibilidades de dar a sorpresa da xornada na pista do gran favorito a alzarse co título ligueiro na División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas.

O bo facer do Aldasa baixou enteiros nos segundos dez minutos debido máis a erros propios que a acertos do rival. Varios balóns perdidos e descoidos á hora de cometer faltas concedendo tiros libres aos pucelanos permitiron aos locais abrir un buraco ao intermedio de dez puntos (33-23, min.20). Mención especial merece o xogador estrela do Fundación Grupo Norte, o australiano Tristan Knowles, que castigou sen piedade durante todo o choque aos vigueses (37 puntos) pero que estivo especialmente inspirado neste cuarto anotando 15 puntos.

O intermedio supuxo a despedida final do Aldasa do partido. A desvantaxe de dez puntos coa que os pupilos de César Iglesias fóronse ao intermedio pesou como unha laxa no ánimo dos xogadores. Os vigueses baixaron os brazos por completo e encaixaron un parcial de 23-4 no terceiro cuarto para que os casteláns selasen definitivamente a vitoria (56-27, min.30). A total ausencia de actitude do Amfiv, que se esqueceu de todo o que fixera ben na primeira parte e tampouco tratou de pór en práctica sobre a pista as instrucións do seu técnico para evitar o desastre.

Por iso, os derradeiros dez minutos non foron máis que un trámite para os locais e un sufrimento constante para os visitantes, que esperaban ansiosos a finalización do choque para esquecer a súa desastrosa segunda metade. Afortunadamente, o Fundación Grupo Norte non buscou facer demasiado sangue e optou por dar minutos a todos os seus xogadores, conformándose co 78-41 final.