Alertanavia e El Olivo reeditan o seu título de campións da Copa Vigo

alerta_naviaAlertanavia e El Olivo reeditaron no Estadio Municipal de Balaídos os títulos da Copa Vigo conquistados en Barreiro un ano antes. A elas custoulles menos adxudicarse esta segunda edición do torneo feminino, pois ao descanso xa dominaban ao Sárdoma por 4-1 para acabar facendo un set (6-1) grazas aos catro tantos de Nati.

Aos rapaces, en cambio, custoulles ata o minuto 89... primeiro evitar a derrota. Porque no 66, Gabi, con galopada pola banda esquerda, tras pase de Raúl, facía o 0-1 en perfecta vaselina. O San Esteban acariciaba o título con fútbol de toque, Brais e Conde mandando no campo e moito control do partido. Pero a historia parece que se decidiu por negarlle ao equipo Beade a gloria dun novo título copero. Gañou a de 2001 en Balaídos tras vinte e oito penaltis ao Neto (3-3 no tempo regulamentario máis prórroga, 12-11 dende os once metros), e perdeu as finais de 2002, 2010, 2012 e 2014, as tres últimas con Jorge González no banco.

O partido, con moita calor, apenas contou con ocasións claras. Se acaso un lanzamento de Víctor cerca da área e tras boa combinación ao pouco de comezar, ou unha ocasión de Borjita con disparo desviado. Nos de Beade, Gabi, o goleador de semifinais, era quen levaba perigo e Conde, cun lanzamento afastado que se envelenaba, obrigaba a Rive a despexar. O recén ascendido a Preferente Sur mandaba máis no primeiro período.

Na reanudación, o tempo discorría cun par de testarazos do Alertanavia (talvez o aviso do que pasou logo) e xogo de toque no rival. Ata que quen mellor buscaba as bandas raseando o esférico acertou. O pase de Raúl deixaba solo a Gabi, que resolvía sen titubeos e, ao igual que na semifinal en La Guía, o celebraba dirixíndose ao público. O San Esteban controlaba os segundos corenta e cinco minutos. O seu rival non.

O Alertanavia estaba KO e os de Jorge González consumían cambios con tranquilidade. Pero no 89, tras un saque de esquina, Ignacio Fernández, "Ina, tocaba de cabeza, o balón tamén pegaba nun xogador do San Esteban e 1-1. Xúbilo na bancada onde se situaban os seguidores do Alertanavia. No desconto, unha galopada de Borjita case fai o 2-1. Penaltis.

Con empate a un gol procedíase á quenda de penaltis, na que o Alertanavia, que empezaba lanzando, estivo sempre por diante ou empatado. Marcaban Borjita, Barci e Kiko polos campións; e Hugo e Jacobo polos beadenses. Rive adiviñaba o lanzamento de Borja, pero o meta do San Esteban facía o propio con Tarri. Tocáballe a quenda a Jacobo Pintos, e Rive aguantouno. Seguía o 3-2 e se Pilu anotaba, o título seguiría en Navia. Marcos non deu opción: trallazo e título. Marcos Alonso, alcume Pilu, é fillo de Belarmino Alonso, Milucho, un dos futbolistas e técnicos que aínda recordan no Pontevedra CF. Golpeo inapelable e o Alertanavia, este ano con novo técnico (José Manuel Freire), repetía título e outra vez tras un 1-1 e nos penaltis.

Tras o partido, Freire explicaba que esta é "unha tempada para enmarcar". O técnico dos de Navia recoñecía que "a sorte nos chegou unha vez máis, cando ninguén o esperaba, nunha xogada de estratexia". En cuartos apearon tamén nos penaltis ao San Miguel. O técnico, feliz, que recoñecía que houbo un tempo para cada equipo, dixo que o título llelo dedicaban a Manolo, o seu delegado, e "toda a vida no Alerta.

Final feminina

olivo_copa_vigoAntes, e tamén nunha tórrida tarde e con bo ambiente na bancada de Río, Balaídos foi escenario do do feminino. El Olivo mandou no campo e o Sárdoma pouco puido facer. Nati, que empezou fallando soa contra a porteira sardomista, arranxou a final entre os minutos 26 e 33. Marta puxo o 2-1 e parecía que aínda había final (minuto 40), pero entre o 43 e 45, Lombi e outra vez Nati deixaron a final á espera da entrega de Enla Copa. Na segunda metade, Nati de novo e Sara Tui pecharon o set dun choque no que tamén fixo moito fútbol Carolina González aínda que non marcase.

Tras cada partido, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, entregou as copas de campión e subcampión, acompañado polo concelleiro de Deportes e presidente de VIDE, Manel Fernández, a tenente de alcalde, Carmela Silva, o delegado en Vigo da Federación Galega de Fútbol, Enrique González, e o presidente local do colexio de árbitros, Fernando Iglesias.

Alertanavia e El Olivo gañaron un premio en metálico de 1.000 euros, que aboa o Concello de Vigo como patrocinador do torneo. Os clubs finalistas recibiron 500 euros cada un.