Un premio VIDE 2010, Diego Mariño, debuta hoxe nos Xogos Olímpicos con España diante de Xapón

dm18Por vez primeira, un xogador que recibiu o premio VIDE disputará os Xogos Olímpicos, que comezan hoxe na súa competición de fútbol masculino.

O porteiro vigués Diego Mariño, do Vilarreal B (na imaxe superior, en Glasgow coa equipaxe olímpica), é un dos convocados para esta cita olímpica, a décima de España, que regresa a esta competición tras o bronce de Sydney 2000.

Mariño, premiado pola Fundación Vigo en Deporte no verán de 2010 como mellor futbolista promesa, viaxou o domingo a Glasgow e hoxe (15:45, hora española) mídese a Xapón co conxunto que prepara Luis Milla. España, no grupo D xunto a Xapón, Marrocos e Honduras, xogará ante a selección americana o domingo 29 (20:45) e contra o seleccionado africano o 1 de agosto (18:00). A cuartos de final (4 ao 11 de agosto) pasan dous equipos de cada un dos catro grupos.

diego1 España enfróntase aos nipóns en Hampden Park (Glasgow). Nesa selección olímpica puido estar outro premio VIDE, Thiago Alcántara (FC Barcelona), que gañou o trofeo no verán de 2011. Unha lesión apartouno de Londres 2012.

Os premios VIDE (na imaxe inferior, con Mariño no 2010) abren a Vigo Cup e pretenden recoñecer o esforzo e traballo do fútbol base local.

Mariño (Vigo, 1990) foi campión de Europa con España nas categorías inferiores (sub 17 en 2007 e sub 21 no 2011) e tamén subcampión do mundo no 2007 coa selección española sub 17. O gardarredes chegou ao Vilarreal no 2004 procedente do Areosa, un club vigués que disputa cada ano a Vigo Cup.