As categorías base de balonmán de tres equipos do programa Siareiros de VIDE, Sociedade Deportiva Octavio, BM. Seis do Nadal e U.B. Lavadores, estiveron de parabéns o luns e hoxe.
A XXXVI Copa do Rei, por vez primeira en Vigo no formato actual de fase final con oito equipos, arrincou co paseo da copa do campión polos colexios e escolas deportivas da cidade. Primeiro estivo o luns con xogadores e xogadoras do BM. Seis do Nadal-Coia de balonmán (debaixo), e despois foi ao pavillón de Lavadores (imaxe superior), onde o U.B. Lavadores ten as súas escolas municipais.
Hoxe martes, o trofeo viviu un bo intre na Polideportiva de Balaídos, coas escolas deportivas municipais de balonmán que dirixe o Octavio (imaxe coa que remata a información).
Tratábase de achegar o evento ás categorías de formación viguesas, e especialmente á canteira local, que estes días terán a oportunidade de ver en acción a xogadores de vinte e un países.
En Balaídos, nenos e nenas recibiron tamén algunhas invitacións, como onte Seis do Nadal e Lavadores, para poder gozar deste torneo do KO, que empeza este mércores. Por iniciativa do Concello, o trofeo copeiro visitou as escolas deportivas dos tres clubs de balonmán que compiten en categoría estatal.