Uns 500 participantes na Copa de España de patinaxe artística, este venres e sábado nas Travesas

rolda-patinaxe1O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, presentou hoxe martes a primeira edición da Copa de España de Grupos Show, Trofeo Cidade de Vigo, de patinaxe artística.

O novidoso evento celebrarase os días 1 e 2 de abril (venres e sábado) no pavillón central das Travesas.

O nacionalista (na imaxe, á dereita co vicepresidente Pachi Comesaña, do Coruxo, no centro) suliñou que esta nova competición, que se disputa dúas semanas despois do Campionato de España, reunirá a máis de 500 deportistas de 11 federacións autonómicas, das que a catalana e a galega son as máis numerosas con 21 e 12 grupos, respectivamente.

"Dende a Concellería de Deportes estou encantado de que a nosa cidade sexa sede dun novo campionato", afirmou Xabier Alonso, polo que expresou os seus parabéns ao Coruxo F.C. pola organización da proba. O concelleiro de Deportes destacou que o patinaxe é unha das disciplinas deportivas que conta "cunha base extraordinaria na cidade", polo que considerou que a proba será un "éxito rotundo".

O concelleiro asegurou que será un espectáculo "dunha estética impresionante", que conxuga a coordinación das coreografías coa técnica propia da patinaxe. Fixo un chamamento aos vigueses e viguesas para que se achegen ao pavillón das Travesas para gozar da competición. Ademais, expresou a súa confianza de que Vigo repita como sede do campionato, "porque tanto o Coruxo como a cidade teñen demostrado a súa gran capacidade organizativa", destacou.

O vicepresidente do Coruxo F.C., Pachi Comesaña, agradeceu ao concelleiro de Deportes o seu apoio á celebración do campionato. Explicou que na proba participan catro categorías, os grupos pequenos, con 21 agrupacións; os grupos grandes, os xuvenís e os cuartetos, con 8 agrupacións en cada unha delas. "Trátase dunha proba moi relevante, xa que os participantes xóganse a súa clasificación para o Campionato de Europa", afirmou.

Quen non lembra as organizacións do Carpa polo Campionato de Europa de patinaxe en 2002, a Gala Mundial organizada polo 25 aniversario do club en 2007 ou o Campionato de España de grupos grandes? Agora de novo volven os grandes eventos á cidade, da man do Coruxo FC.

Para a sección de patinaxe do Coruxo esta é a terceira gran proba logo de asumir o Trofeo Cidade de Vigo en 2006 en Bouzas (individual libre e grupos show) e o 64 Campionato de España infantil nas Roteas en 2009.

Os adestramentos comezan este xoves pola noite e o venres competirán os grupos xuvenís (18:15) e os grupos grandes (19:15). O momento máis espectacular chegará o sábado polo número de grupos participantes; os grupos pequenos encherán de colorido o Central (17:00) e pecharán a xornada os cuartetos (20:00).

Nas probas hai catro clubs vigueses, Carpa Grupo Viqueira (grupos pequenos), Coruxo FC (grupos grandes, cuartetos), CPA Valladares (grupos grandes, grupos pequenos, cuartetos) e Patín Vagalume (cuartetos), e da provincia están o Ánfora cangués e o CPA Ribex do Porriño. Carpa e Vagalume pertencen ao programa Siareiros Base da Fundación VIDE.

Prezos. Para cada xornada haberá unha entrada única de 8 euros. Tamén hai a posibilidade de mercar un bono para as dúas xornadas por 10 euros. A venda anticipada rematou o luns e quen queira mercar localidades deberá ir ao despacho de billetes do pavillón das Travesas os días de competición.

Prezo entradas patinaxe (78.62 kB)

Horarios da competición (508.32 kB)

Participantes (71.5 kB)