O San Esteban, á final da Copa Vigo facendo da quenda de penaltis unha arte

sanestebanO San Esteban de Beade culminará unha tempada fantástica, na que acabou campión do grupo 18 de Terceira Rexional, coa disputa da final da Copa Vigo, o torneo máis antigo de cantos se disputan na cidade.

Este domingo na Bouza, con ambientazo, sacou un 0-0 fronte ao defensor do título, o Victoria, e acadou o seu pase na quenda de penaltis (4-3). O meta do Victoria atrapou un lanzamento do rival, pero o once local mandou dous penaltis ao pau. A Copa Vigo máis igualada da historia (seis dos doce partidos necesitaron do lanzamento de penaltis e só en cinco dos encontros o factor campo funcionou) repetirá a final de 2002 entre Racing de Castrelos, que se clasificou o xoves pasado tamén na sorte dos penaltis, e o San Esteban. Os dous clubs xa saben o que é levantar o trofeo neste século porque o gañaron en 2002 e 2001, respectivamente.

O equipo de Beade, ademais, xa entrou na historia do campionato vigués por méritos propios: plantouse na final facendo unha arte da quenda de penaltis. En oitavos empatou no Novo Mirador ante o Candeán (1-1) e impúxose dende o punto fatídico; en cuartos, 2-2 no mesmo escenario contra o Matamá e pase nos lanzamentos de penalti; e en semifinais, frustrou a ilusión do Victoria de repetir presenza en Balaídos. O San Esteban eliminou a tres rivais de categoría superior, toda unha xesta.

González, na súa terceira tempada, guiou ao San Esteban á final como en 2010, e a deste sábado 23 en Balaídos (18:00 horas) servirá para lembrar a de 2002, cando o Castrelos impúxose ao San Esteban (2-1). Curiosamente no choque de Coia o técnico beadense non puido estar por motivos laborais, dirixindo ao equipo Alberto Remeseiro, que leva a área da preparación física.