Monte da Mina e A Bouza decidirán os finalistas da Copa Vigo 2012

A Copa Vigo 2012 alcanza as semifinais dunha edición que pasará á historia polo emocionante da mesma e polo elevado número de partidos que se resolveron con vitoria visitante.

En cuartos de final as sorpresas non se fixeron esperarse e os dúas cabezas de serie, Coruxo B e Matamá, pola súa clasificación como segundo e terceiro clasificados na liga de 2ª Autonómica, foron dobregados.

O Racing de Castrelos impúxose 0-2 ao segundo equipo do Coruxo en Fragoselo, mentres que o San Esteban botaba no Novo Miradoiro de Beade ao Matamá na quenda de penaltis (2-2).

Ademais, no derbi da Guía, o Teis perdía 1-3 ante La Guía, que se mete en semifinais copeiras como en 2008. E no campo do Meixoeiro, a reedición da final da Copa Vigo 2011 foi de novo para o Cristo da Vitoria, que se impuxo por idéntico resultado que o verán pasado (1-2).

Con estes marcadores son tres os equipos do grupo 12 de Segunda que acadan as semifinais, Vitoria (noveno clasificado na Liga), La Guía (décimo) e Castrelos (antepenúltimo), fronte a un conxunto de Terceira Autonómica, o San Esteban, que acabou líder do campionato.

A semifinal entre Castrelos e La Guía será a primeira en xogarse, este xoves ás 21:30 horas en Monte da Mina. Este cruzamento é a repetición da semifinal do torneo do KO de 2008, que se xogou no federativo de Coia e que favoreceu ao Racing (3-0).

A outra semifinal aínda non ten data pero se xogará na Bouza (Coia). O Vitoria quere repetir presenza na final de Balaídos, xa que ademais defende título; o San Esteban meteuse na súa terceira semifinal dende 2008 e xa xogou a final de 2010, que gañou o Rápido de Bouzas B. Ademais, os de Beade saben o que é sufrir ata o final, posto que pasaron as dúas eliminatorias fronte a equipos de Segunda Autonómica e nos penaltis.

Dos catro equipos que se plantaron nas "semis", tres xa gañaron a Copa Vigo este século: San Esteban en 2001, Castrelos en 2002 (ante o San Esteban) e Vitoria en 2011.