Cabecera Vide

As bicicletas encherán Bembrive o domingo cunha marcha popular e unha carreira ciclista

As bicicletas encherán a parroquia de Bembrive o próximo domingo ao longo de todo o día, coa Ciclista Popular Bembrive 2014, pola mañá, e o I Trofeo Entidade Local Menor de Bembrive, para escolas e cadetes, pola tarde. O programa vespertino inclúe tamén unhas probas de promoción para novos non federados. A Entidade Local Menor, o Concello de Vigo e o Club Ciclista Vigués - Autronic fan posible esta actividade.

O programa arrancará cunha concentración ciclista que partirá ás 10:00 horas da Praza de España para aqueles participantes que teñan previsto asistir á marcha e residan na zona urbana. O percorrido ata Bembrive será polo carril de servizo da Avenida de Madrid, Camiño Raposeira e de novo carril de servizo da Avda. de Madrid ata a sede da Entidade Local Menor.

A marcha ciclista dará comezo ás 11:00 horas, con participación libre, sen límites de idade. Ao final desta, realizarase o sorteo de distintos obsequios entre todos os participantes. Os ciclistas desprazados dende Vigo, á conclusión dos actos, regresarán agrupados de novo á Praza de España.

I TROFEO ENTIDADE LOCAL MENOR DE BEMBRIVE
Pola tarde, a partir das 17:00 horas disputarase o I Trofeo Entidade Local Menor de Bembrive para as categorías de escolas e cadetes. Os principiantes participarán nunha xincana, que se desenvolverá dentro do recinto do Centro Cultural Helios, e alevín, infantís e cadetes, por esta orde, disputarán senllas carreiras de fondo sobre un circuíto de 1,9 quilómetros, con distinto número de voltas segundo la categoría. Tamén haberá un programa con actividades de promoción para novos non federados.

EQUIPO ELITE - SUB 23 COMPITE CON PROFESIONAIS EN PORTUGAL
O equipo elite-sub 23 disputará o domingo o Memorial Bruno Neves, proba puntuable para a Taça de Portugal. Tomás Martínez, director deportivo, contará para esta proba con: Paulo González, Iván Sebastián, Alejandro Lomba, Javier Sardá, Anxo Lago, Marcos Romeiro, Rubén Veloso, Daniel González e Toni Muntaner. O equipo cadete competirá en Teo e as restantes categorías en Bembrive.

PROMOCION EN 7 CENTROS ESCOLARES
Por outra parte, coa actividade desenvolvida no Colexio Chouzo, o C. C. Vigués-Autronic dá por pechado neste curso 2013-2014 o programa de promoción ciclista que dende comezos de ano levou a sete centros escolares vigueses.