O domingo, a última Bici Ruta de primavera subirá a O Castro

Imprimir

percorridoO domingo celébrase unha nova Bici Ruta, a última desta tempada de primavera, cun percorrido inédito, que propón un pedaleo un pouco máis intenso do habitual, coa suba a O Castro. A saída, unha vez máis, sitúase na Porta do Sol, á altura do Sireno, para arrancar ás 10:30 horas; e o itinerario concluirá na Praza do Rei, en torno á unha de tarde.

O percorrido que propón o Club Ciclista Vigués-Autronic, entidade organizadora, é o seguinte: Porta do Sol, Paseo de Alfonso, López Mora, Praza de América, carril-bici de Avenida de Castelao, Rúa Porriño, A Bouza, Balaídos, Avenida Citroën, Parque de Castrelos, A Pastora, Gran Vía, Rúa Tarragona, Avenida Hispanidade, Camiño de Atalaia, O Castro e Praza do Rei.

Chégase a esta última xornada despois de que o calendario se vira sensiblemente alterado para dar cavidade a outros eventos ciclistas que se prodigaron na cidade de Vigo esta primavera. E as Bici Rutas fano reivindicando o seu "sabor especial", que as distancia un pouco da marchas ciclistas populares.

A singularidade destas actividades esta nuns percorridos que permiten gozar do paseo e da cidade doutro xeito, ao internarse en lugares pouco propicios para a habituais marchas populares. Permiten pisar escenarios da cidade de grande atractivo, pero un pouco máis escondidos. Neste caso, a alusión non vai tan encamiñada cara ao infrautilizado carril-bici de Castelao, como aos pasos polo Parque de Castrelos, A Pastora ou a suba a O Castro.

En todo caso trátase dun exercicio moderado, e non debe terse reparo en botar pé a terra nun momento e camiñar coa bicicleta da man se nun momento puntual a pendente se empina un pouco máis do habitual. Os habituais das Bici Rutas xa saben que cando o percorrido ofrece "muros", deses que tanta lenda e gloria outorgan ás grandes clásicas ciclistas do norte de Europa, bota pé a terra cen ou douscentos metros, que ciclistas que gran fuste tamén o fixeron ao longo da historia no Tour de Flandes e outros "monumentos" do ciclismo.

Ningún bo afeccionado á bici urbana se pode perder o próximo domingo esta nova bici-ruta.